O Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Ciencias e Letras de Galicia lanza unha nova campaña informativa baixo o lema “Colexíate con nós!”, destinada a doutores, licenciados e graduados de titulaciones de Letras e Ciencias que actualmente desenvolven a súa actividade sen contar cun colexio profesional de referencia.
Na actualidade, arredor de 400 persoas colexiadas forman parte desta corporación profesional, que traballa para ofrecer respaldo, garantías e representación aos profesionais ante a sociedade e as administracións públicas.
Desde o Colexio subliñan que pertencer a unha entidade profesional sólida non só achega servizos e vantaxes individuais, senón tamén unha maior protección colectiva da profesión.
A institución exerce como interlocutora ante organismos públicos, defendendo os intereses do colectivo, promovendo o recoñecemento profesional e velando pola calidade e dignidade do exercicio profesional.
A campaña destaca especialmente as garantías que ofrece a colexiación:
- Defensa e representación profesional ante administracións públicas e institucións.
- Asesoramento e respaldo técnico e xurídico para o exercicio profesional.
- Seguro de responsabilidade civil con condicións vantaxosas.
- Acceso á lista oficial de peritos profesionais, favorecendo novas oportunidades laborais e maior visibilidade.
- Formación permanente e acceso a instalacións e recursos, impulsando a actualización continua de coñecementos.
“O Colexio é unha ferramenta de apoio e protección para os profesionais. Representamos os seus intereses, damos voz ao colectivo e contribuímos a reforzar o prestixio das profesións de Letras e Ciencias na sociedade”, destacan desde a entidade.
A iniciativa busca seguir ampliando a comunidade profesional do Colexio e fortalecer unha rede que permita afrontar de maneira conxunta os retos actuais do ámbito profesional e académico.
