O Ilustre Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia é unha entidade de dereito público, creada ao abeiro da Lei de Colexios Profesionais e da Lei de Colexios Profesionais de Galicia, adaptándose continuamente súa estrutura e funcionamento aos cambios lexislativos e ás novas prestacións de servizos que a sociedade reclama.
Esta entidade, de Dereito Público e sen ánimo de lucro, vela polos intereses de toda a sociedade e ostenta a representación e defensa da profesión dos Docentes e dos Arqueólogos, entre outros profesionais titulados.
Ten recoñecida a súa capacidade para a realización dos fins profesionais derivados dos títulos académicos de Doutores e Licenciados da Facultade de Filosofía e Letras e de Ciencias, así como nas actuais Facultades e Escolas Superiores seguintes:
- Facultade de Filosofía e Letras (Seccións de Ciencias da Educación, Pedagoxía, Filoloxías, Filosofía, Historia en todas as súas especialidades).
- Facultade de Ciencias (Sección Matemáticas, Ciencias Matemáticas).
- Facultades e Escolas Superiores: Matemáticas, Pedagoxía, Filoloxías, Linguas Modernas, Filosofía, Historia, Historia da Arte, Humanidades, Psicopedagoxía, Filosofía e Ciencias da Educación – Seccións de Ciencias da Educación, Filosofía e Pedagoxía-, Xeografía e Historia – Sección Historia -.
- Titulacións equivalentes da Unión Europea previa validación.
- E calquera outra profesión para cuxo exercicio se precise dispoñer dun Título Universitario, e non dispoña de Colexio Profesional propio en Galicia.
ESTATUTOS DO COLEXIO OFICIAL DE DOUTORES E LICENCIADOS EN FILOSOFÍA E
LETRAS E EN CIENCIAS
DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA
PREÁMBULO
O ilustre Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia é unha institución de profundo arraigo e avoengo en Galicia. Desde a súa creación ven desenvolvendo as súas funcións co máis alto sentido profesional, na defensa da mellor ordenación e funcionamento das profesións que pola súa titulación constituen o marco das súas competencias. Esa ordenación da profesión, debúllase nunha serie de funcións e competencias, que pola súa complexidade fan do Colexio unha peza fundamental na vida educativa, cultural e social de Galicia.
Nace o Colexio no ano 1915, baixo a vixencia do Real Decreto de 23 de Outubro de 1913, que modificaba sensiblemente o regulamento orgánico dos Colexios de 26 de Decembro de 1906, e ordenaba dun xeito moi específico a organización e funcionamento destas corporacións de dereito público. Será, sen embargo, desde 1926 desde cando acadará o seu máximo esplendor, tomando iniciativas a prol da profesión, da formación educativa e da atención ós seus colexiados, que foron relevantes e altamente apreciadas pola comunidade galega e, dun xeito especial, pola súa comunidade educativa.
Algunhas das súas iniciativas tiveron unha gran repercusión nos medios educativos e profesionais. Por exemplo, o Proxecto de Regulamento dos Colexios Oficiais de Facultativos Docentes, que o Colexio aprobou na súa xunta xeral dos días 5 e 8 de Maio de 1932, formado por 173 artigos; e profusamente difundidos por todo o territorio do Estado español, mereceu unha gran atención e puxo de relevo os problemas que o Colexio, cos demais colexios, quería resolver a prol do mellor funcionamento da profesión educativa.
O 28 de Maio de 1933 celebrou en Santiago a súa I Asemblea Rexional, na que se acordou crear unha Bolsa de Traballo Profesional, para que os establecementos de ensinanza privada puideran solicitar profesores de acordo coas características da función demandada, e, ó mesmo tempo, para que os colexiados que quixeran exerce-la ensinanza privada puideran contar coa facilidade e coas posibilidade que o mercado ofrecía. Para o intercambio e unión entre todos os colexiados de Galicia, acordouse a creación dun Boletín científico-profesional, ao que podían aportar a súa cooperación as Facultades de Ciencias e Filosofía e Letras da Universidade de Santiago.
Tivo o Colexio de Santiago un papel moi relevante na creación das Bases para a formación duns estatutos xerais dos Colexios de Doutores e Licenciados. En novembro de 1932, por exemplo, na Asemblea celebrada en Madrid, quedaron postas as liñas mestras desa aspiración, sendo moi eloxiada a participación galega naquelas interesantes xornadas. O deputado primeiro do Colexio de Santiago, o doutor Mariano Álvarez Zurimendi, foi elixido presidente da Asemblea, e o colexiado, Sr. Pérez Millán levou a ponencia sobre a formación dos estatutos, tomando para isto como base o regulamento do Colexio de Santiago. Con estas actuacións abríase a canle para que os poderes públicos puideran dar unha organización axeitada a estas profesións de carácter docente, cousa que viñan demandado dos interesados desde había algún tempo.
Persiste esta vocación de ordenación profesional, como pode verse no articulado dos presentes estatutos, nos que se regulan as funcións, obxectivos de competencias con moito detalle. As relacións coas distintas administracións, as relacións intercolexiais, todo o que sirva para fomentar a mellor ordenación da profesión, evitar o intrusismo, elevar a calidade do ensino e das actividades que as normas poidan reservarlle, quedan previstas con detalle nos presentes estatutos. Esa vocación educativa e pedagóxica persiste na actualidade, pero hai unha serie de posibilidades de que os títulos se estendan a outras actividades subsumibles dentro do ámbito propio do Colexio.
Se ben algunhas actividades amparadas polos seus respectivos títulos académicos acadaron a súa propia organización corporativa, segue a ser extenso o seu ámbito profesional. A diversidade profesional, ademais, que a sociedade moderna vai creando, a medida que van xurdindo novas profesións e novas formas de organización social, cultural e económica, algúns dos títulos que tradicionalmente se vencellaban exclusivamente a actividades pedagóxicas, van extendéndose a outras actividades que, no seu caso, requiren a colexiación como requisito imprescindible para o seu desenvolvemento. As novas formas de acción derivadas da Unión Europea, e as derivadas de relacións internacionais diversas, completan ese marco de acción, sin que poida preverse de momento o alcance da incidencia na ordenación e funcionamento das actividades que a titulación marco do Colexio require.
Por todo isto e, en cumprimento do previsto na Disposición transitoria da lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, é a hora de adaptar os estatutos ás novas circunstancias. Aquela vocación territorial galega que o Colexio tivo sempre, está agora amparada pola organización autonómica, de xeito que ao abeiro do Estatuto de Autonomía para Galicia, e, dun xeito concreto, pola lei de colexios que desenvolve o réxime autonómico en materia de organización corporativa, pode cumprir os seus fins, de xeito máis eficaz e axustado á realidade da vida galega.
Os presentes Estatutos aplican e desenvolven os principios xurídicos enunciados pola Constitución, non só regulando as peculiaridades específicas do Colexio, senón, tamén, organizándose e actuando conforme cunha estructura interna e un funcionamento democráticos, como a lei fundamental determina. Ao seu abeiro, o Estatuto de Autonomía da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei Orgánica 16/1995, de 27 de decembro, e outras disposicións reguladoras das transferencias e demais aspectos, permitiría acadar para Galicia unha Lei específica de colexios profesionais, que agora serve de marco legal ao Colexio para a súa adaptación ás novas circunstancias. A Lei de Colexios Profesionais do Estado, reguladora das normas básicas, así como as normas emanadas da Unión Europea que correspondan, completan o marco legal no que o Colexio está chamado a cumprir coa súa característica eficacia os seus fins, as súas funcións e as súas competencias, tal como se regula dun xeito específico nas disposicións estatutarias que a Asemblea xeral do Colexio aproba.
Por todo iso, a Xunta Xeral do Colexio, en Asemblea celebrada o día 16 de marzo de 2002, aprobou as normas estatutarias que a continuación se describen:
TÍTULO PRELIMINAR
Artigo 1.
O ilustre Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias da Comunidade Autónoma de Galicia é unha Corporación de dereito público que, con persoalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, que, dentro dunha organización democrática, desenvolve de conformidade e ó abeiro da Constitución, do Estatuto de Autonomía para Galicia e da demais lexislación vixente en materia de colexios profesionais, sexa esta estatal, autonómica ou europea, así como polo disposto nos presentes Estatutos e nas normas e acordos que, dentro da súa competencia, poida dictar.
Artigo 2.
O ámbito territorial do Colexio é o propio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo se define no Estatuto de Autonomía para Galicia.
Artigo 3
O ámbito profesional do Colexio esténdese á actividade docente, sen perxuízo das derivadas dos títulos das actuais facultades e escolas superiores e universitarias que carezan de colexio profesional para poder exercer a súa actividade profesional en Galicia. Así, formarán parte deste Colegio os titulados seguintes:
-Os licenciados e/ou doutorados en : matemáticas, pedagoxía, filoloxías, filosofía, historia e historia da arte, así como aqueles títulos homologados a estes, e que figuran no Real Decreto 1954/1994, de 30 de setembro, sobre homologación de títulos ós do Catalogo de Títulos Universitarios Oficiais,creado polo Real Decreto 1497/1987,de 27 de novembro (BOE do 17 de novembro)
-Os licenciados e/ou doutorados que posúan un título declarado equivalente ós anteriores expedido no territorio da Unión Europea, previos os requisitos de validez e recoñecemento profesional que estableza a lexislación vixente.
-Os titulados das novas carreiras desagregadas das indicadas no parágrafo primeiro así como os titulados das actuais facultades e escolas superiores e universitarias que carezan de colexio profesional para poder exerce-la súa actividade profesional en Galicia.
-Os titulados que, en posesión de titulos universitarios de Licenciado e/ou Doutor e/ou Grao e/ou Postgrao teñan a súa actividade principal no sector da educación.
Artigo 4
De acordo co disposto na lexislación autonómica galega, non poderá crearse ningún outro colexio da mesma profesión, sin prexuizo das excepcións que se especifican na Sección terceira da vixente Ley de Colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 5.
O Colexio gozará de autonomía para o desenvolvemento dos seus fins e competencias para elaborar e aprobar os seus propios estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico, así como para a xestión, administración, enaxenación ou transmisión do seu patrimonio, dereitos, obrigas e bens e tódolos actos de disposición xurídica, sen máis limitacións que as previstas no marco da lei. A tal efecto formará e aprobará os seus presupostos, repartirá as cargas colexiais mediante cotas e achegas económicas necesarias e recadará e distribuirá as mesmas segundo o seu presuposto e necesidades.
Artigo 6
O Colexio ten a súa sé en Santiago de Compostela. O seu enderezo fixase a todos os efectos na Rúa Nova, número 44-1° esquerda, sen prexuízo de que, por decisión da Xunta de Goberno poida trasladarse a calquera outro dentro do termo municipal da sede corporativa.
Artigo 7
O galego e o castelán serán linguas oficiais do Colexio, de conformidade co establecido na Constitución e no Estatuto de Autonomía para Galicia.
Artigo 8
O Colexio manterá o tratamento oficial de Ilustre e poderá fixar, cambiar ou reformar os seus selos e emblemas, logotipos e demais signos de identificación e recoñecemento público da imaxe institucional, quedando facultada a Xunta de Goberno para deseñalos e aprobalos, así como proceder a súa inscrición ou rexistro, cando proceda.
TÍTULO I
Fins, obxectivos e competencias do Colexio
Artígo 9. Fins e obxectivos
Son fins esenciais do Colexio ordenar o exercicio da profesión, a representación exclusiva da mesma, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, sen prexuicio da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia por razón da relación funcionarial, e ademais, os seguintes:
a) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión.
b) Promover a constante mellora da calidade das prestacións profesionais dos colexiados, a través da formación e do perfeccionamento dos mesmos.
c) Cooperar na mellora dos estudios que levan á obtención dos títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.
d) Colaborar coas Administracións Públicas no exercicio das súas competencias nos termos previstos nas Leis.
Artigo 10. Funcións.
Son competencias propias do Colexio, co fin de acadar as finalidades expresadas no artigo anterior, as seguintes:
a) Ordenar con normas propias a actividade dos colexiados, velando pola ética e dignidade dos mesmos, e pola conciliación dos seus intereses co interés social e os dereitos dos usuarios, así como defender aos colexiados no exercicio dos dereitos que legalmente lles correspondan para o desenvolvemento das súas funcións profesionais ou en ocasión das mesmas.
b) Garantir unha organización colexial eficaz, democrática, co funcionamento correcto da Xunta de Goberno e as delegacións, comisións, seccións, e grupos de traballo no seu caso, que actuarán dentro do campo das delegacións explícitas e do asesoramento.
c) Exercer a representación e defensa da profesión no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, entendida según se especifica no artigo 3 dos presentes Estatutos, incluindo as súas funcións profesionais diante da Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares con lexitimación para ser parte en todos os litixios que afecten aos intereses profesionais e coa posibilidade de exercer o dereito de petición, de conformidade coa Lei, e de impulsar todas as reformas lexislativas que consideren xustas en defensa da profesión.
d) Adoptar as medidas necesarias para evitar o intrusismo profesional e a competencia desleal, dentro do ámbito da profesión, levando a cabo todas as actuacións que sexan necesarias.
e) Colaborar cos directores de centros de ensinanza privada, para asegurar o cumprimento dos requisitos do exercicio profesional: Titulación e colexiación. Para iso solicitarán, durante o primeiro trimestre de cada curso, o cadro de profesores do centro, co número respectivo de colexiación, a materia que imparten e o horario.
f) Exercer a facultade disciplinaria sobre os profesionais colexiados nos termos establecidos na Ley 11/ 2001, do 18 de setembro, de Colexios da Comunidade Autónoma de Galicia e no réxime disciplinario destes Estatutos.
g) Establecer baremos de honorarios orientativos para o exercicio da profesión, respetando a normativa sobre a Defensa da Competencia e Publicidade.
h) Encargarse do cobro das recepcións e remuneracións ou honorarios profesionais a petición dos colexiados, nos casos nos que o Colexio cree os servicios oportunos para iso.
i) Elaborar e aprobar os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como as contas e liquidacións presupostarias.
j) Administrar a economía colexial, repartir equitativamente as cargas, mediante a fixación de cotas e aportacións económicas necesarias, e recadalas e distribuílas segundo o presuposto e necesidades.
k) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados, impedindo toda competencia desleal entre eles e intervindo como mediador de conciliación ou de arbitraxe nos conflitos que se susciten entren eles por motivos profesionais, previa solicitude dos interesados.
l) Visar os traballos profesionais dos colexiados, de conformidade co que estableza a normativa vixente. Quedarán excluídos do visado os honorarios e o resto de condicións contractuais, que son de libre acordo entre as partes
m) Informar os proxectos das normas da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan afectar os profesionais colexiados ou que se refiran ós fins e funcións a eles encomendados.
n) Participar nos órganos consultivos da Comunidade Autónoma, cando así o estableza a normativa vixente, así como estar representado nos órganos de participación das Universidades de acordo cos seus Estatutos.
ñ) Colaborar coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos estudios e da preparación dos mesmos. Para iso tomar parte, de acordo coa lexislación vixente, na elaboración dos plans de estudios e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.
o) Organizar cursos dirixidos á formación e perfeccionamento profesional dos colexiados, en especial á formación do profesorado, así como facilitar a formación de postgrado dos colexiados, directamente ou colaborando coas Universidades e outras institucións públicas, privadas, nacionais ou internacionais.
p) Ser oído nos plans de estudio dos niveis educativos nos que se exerce a profesión. Cando así o dispoña a normativa aplicable.
q) Ser oído na elaboración dos criterios de selección do profesorado de novo ingreso na ensinanza, cando legalmente estea previsto.
r) Establecer con outros Colexios ou entidades legalmente recoñecidas servicios comúns de índole cultural, social, económica ou administrativa, especialmente aqueles que permitan alcanzar ou facer efectivas as competencias colexiais de control do exercicio da profesión e loitar contra o intrusismo.
s) Tratar de conseguir para os colexiados o máximo nivel de traballo e crear Bolsas de Colocación Profesional.
t) Organizar sistemas asistenciais, de previsión de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas polos mesmos no exercicio profesional, todo eso segundo as normas legais de aplicación, xa sexa directamente, xa sexa por medio de acordos ou convenios con outras entidades.
u) Cantas outras competencias redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados e se encamiñen ao cumprimento das finalidades colexiais.
TÍTULO II
Das relacións coas administracions públicas
Artigo 11.
O Colexio relacionarase coa Consellería competente en materia de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia relativa á condición de colexios profesionais, e con respecto ao contido da profesión educativa, coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou, no seu caso, coas que sexan competentes ao respecto, de conformidade co disposto no artigo 6 da Lei de Colexios profesionais da Comunidade Autónoma. Nas súas relacións coa Administración Central do Estado relacionarase a través do Consello de Colexios do Estado e do Ministerio de Educación e Ciencia, nas materias que legalmente lle sexan asignadas.
Artigo 12.
O Colexio informará, nos termos que «a lexislación autonómica determine, os proxectos das normas da Comunidade Autónoma de Galicia que poidan afectar ós profesionais colexiados ou que se refiran aos fins e funcións a eles encomendados. Nos mesmos termos, colaborará coas entidades de formación dos futuros titulados na mellora dos estudios e da preparación dos mesmos. Para iso tomará parte, de acordo coa lexislación vixente, na elaboración dos plans de estudios e preparará a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.
Así mesmo, participará nos órganos consultivos da Comunidade Autónoma e estará representado nos órganos de participación das Universidades de acordo cos seus Estatutos, cando así as normas o establezan.
Cando así o expresen as normas vixentes, deberá ser oído na formación dos programas de estudio dos niveis educativos nos que se exerce a profesión. Cando así o dispoña a normativa aplicable, así como na elaboración dos criterios de selección do profesorado de novo ingreso no ensino.
Artigo 13.
O Colexio exercerá as competencias que o correspondente órgano da Administración lle delegue, para o que deberá o acto de delegación estar autorizado por unha lei ou un regulamento. Mediante o oportuno convenio coa Comunidade Autónoma de Galicia, poderá realizar actividades de carácter material, técnico ou de servicios da súa propia competencia, de acordo co previsto na lexislación de réxime xurídico das administracións públicas.
O Colexio poderá subscribir convenios de colaboración coa Comunidade Autónoma de Galicia, para a realización de actividades de interese común e para a promoción de actuacións orientadas á defensa do interese público e, en especial, dos servicios profesionais dos colexiados.
Artigo 14.
Corresponderanlle, ademais, de conformidade co disposto no artigo 8, 9 e 10 da Sección 2ª do Capítulo II da Lei de Colexios Profesionais da Comunidade Autónima de Galicia, todas e cada unha das funcións que no mesmo se describen, así como as que no ámbito estatal puideran delegárselle ou establecer as relacións que se describen no artigo anterior a efectos do. réxime autonómico. Corresponderalle, ademais, no cumprimento dos fins que lle son propios, o exercicio das competencias administrativas que a Lei de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia recoñece na Sección 1ª do Capítulo II
Artigo 15. .
Como Colexio profesional único no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma galega, asume e desenvolverá, en materia da súa competencia, as funcións que se describen no artigo 26 da Lei de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, en tanto que se manteña a devandita situación.
TÍTULO III
Da condición dos membros do Colexio
CAPÍTULO I.
Requisitos para a incorporación ao Colexio
Artigo 16. Da condición de colexiado
Poderán ser membros deste Colexio os posuidores das titulacións ás que refiere no artigo 3 dos presentes estatutos. Así mesmo, para o exercicio das profesións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus titulares deberán darse de alta no Colexio, coa excepción dos profesionais vinculados coa administración mediante relación de servicios de carácter administrativo ou laboral. Será obrigatoria, sen embargo, a colexiación para o exercicio da actividades privada.
O número de membros que se poden incorporar ó Colexio é ilimitado, e serán admitidos todos os que o soliciten, sempre e cando reúnan as condicións regulamentarias.
Artigo 17. Requisitos para a colexiación
1. Para darse de alta no Colexio, o solicitante deberá ser maior de idade.
2. Quen teña obtido a titulación esixida polo artigo 3 destes Estatutos e solicite a incorporación por primeira vez deberá presentar o correspondente título académico ou ben a certificación de ter aboado os dereitos de expedición do mesmo, coa obriga de presentalo no prazo de dous anos co fin de rexistralo no Colexio.
3. Se o/a doutor/a ou licenciado/a xa está colexiado noutro Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias do Estado Español, o requisito anterior será substituído pola oportuna certificación acreditativa da súa condición colexial, xunto coa solicitude de Alta.
4. Á solicitude de inscrición realizarase persoalmente no Colexio Oficial. A persoa solicitante estará obrigada a pagar os gastos e cotas de incorporación que estableza o Colexio.
Artigo 18. Altas, denegacións e recursos.
1. A Xunta de Goberno practicará as comprobacións pertinentes antes de resolver as solicitudes de colexiación.
2. A colexiación só se poderá denegar por non acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 17 ou por ter sido dictada sentencia firme, sen posterior rehabilitación, que condene á persoa solicitante á inhabilitación para o exercicio profesional.
3. Se a solicitude de colexiación non reúne os requisitos legalmente establecidos, requerirase á persoa interesada para que subsane os problemas no prazo de dez días.
Artigo 19. Traslados e baixas
O traslado dende o Colexio da Comunidade Autónoma de Galicia a outro do territorio do Estado efectuarase cumprindo a regulamentación que sexa concertada por tódolos Colexios dentro do marco institucional do Consello Xeral do Estado
Artigo 20. Reingresos
1. O/a Doutor/a, Licenciado/a, ou titulado/ de Grao ou Postgrao que, tendo causado baixa no Colexio da Comunidade Autónoma de Galicia, queira volver a integrarse no mesmo, deberá aterse ó disposto no artigo 17 destes Estatutos.
O solicitante deberá abonar, se procede, o importe das mensualidades impagadas ata un máximo de seis. Se quere conservar o seu anterior número de colexiado, deberá abonar todas as cotas mensuais entre a data de baixa e a de reincorporación.
CAPÍTULO II
Artigo 21. Causas da perda da condición de colexiado
A condición de colexiado perderase por calquera dos seguintes motivos:
a) A petición propia, agás se están obrigados a permanecer colexiados para exercer a profesión no Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Cencias da Comunidade Autónoma de Galicia por ter o seu domicilio profesional único ou principal no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Por non ter pagado as cotas regulamentarias nun periodo dun ano, a non ser que éstean obrigados a estaren colexiados para exerceren a súa profesión. Neste caso o Colexio iniciará os correspondentes expedientes administrativos e xurídicos para normalizar a situación. A perda da condición de colexiado conlevará a perda da condición e os dereitos de mutualista
c) Por sentencia xudicial firme de inhabilitación para o exercicio profesional.
d) En ningún caso poderá causar baixa, se a súa condición de docente non funcionario lle obriga a estar colexiado.
TÍTULO IV
Dereitos e deberes dos colexiados
CAPÍTULO I.
Dos dereitos dos Colexiados
Artigo 22.
O colexiado gozará dos seguintes dereitos:
a) Conservar a súa condición colexial, exceptuando os casos aos que fai referencia o artigo 21 dos presentes Estatutos.
b) Encontrar no exercicio profesional, ou con motivo do mesmo, a defensa por parte do Colexio ante as autoridades, entidades ou particulares.
c) Obter o respaldo da Xunta de Goberno para as súas xustas reclamacións relativas ó exercicio profesional, co fin de ser representado pola Xunta de Goberno, se fora necesario e se o caso o permitira, e a petición dos interesados, nos expedientes que se lle sigan.
d) Tomar parte, con sufraxio activo ou pasivo, en tódalas eleccións que realice o Colexio, de acordo coas normas correspondentes.
e) Utilizar os locais do Colexio para reunións e actos de carácter profesional ou colexial, sempre e cando teña o permiso da Xunta de Goberno.
f) Formar parte das Comisións e Seccións que constitúa a Xunta de Goberno.
g) Gozar de tódolos servicios e actividades que organice o Colexio.
h) Recibir información sobre o funcionamento do Colexio non só a través dos medios publicitarios, senón tamén cando o solicite por escrito ou persoalmente.
i) Integrarse nas actividades e os servicios comúns de interese colexial que se poidan crear.
j ) Aspirar ás axudas, premios e honores previstos nestes Estatutos.
k) Participar nas Xuntas de Goberno, Xuntas Xerais e Seccións e nas eleccións que convoque o Colexio.
Artigo 23. Dereito de petición, suxerencias e queixas
Ademáis dos dereitos enumerados no artigo anterior, os colexiados terán os seguintes, que deberán exercer por conduto regulamentario:
1. De presentación de suxerencias á Xunta de Goberno sobre actividades do Colexio Oficial.
2. De petición de melloras profesionais de tipo xeral. As peticións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno ou elevadas ó Consello Xeral de Colexios cun informe no prazo de quince días, se son urxentes, ou de trinta días, se non o son.
3. De queixa:
a) Contra os defectos de tramitación e, en xeral, os que supoñan a paralización dos prazos sinalados preceptivamente ou a omisión de tramitación, que poidan ser enmendados antes da resolución definitiva do asunto.
b) Contra as medidas de todo tipo que consideren prexudiciais para a profesión en xeral, ou lesivas para os seus dereitos persoais, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar calquer recurso que consideren pertinente.
A queixa elevarase ao órgano que se considere responsable da infracción ou falta, segundo o Regulamento de réxime interior. A resolución que se adopte será notificada ao interesado no prazo dun mes, que se calculará a partir da formulación da queixa. Contra ela non será procedente ningún recurso, sen prexuízo de que se aleguen os motivos da queixa ao utilizárense, se procede, os recursos contra a principal resolución.
4. Toda proposición de suxerencia ou queixa, suscrita como mínimo polo 2 por 100 dos colexiados, deberá ser tramitado, aínda que a Xunta de Goberno non estea de acordo co seu contido, e deberá ser levada á Xunta Xeral. Se naquel momento o número de colexiados non chegase a 500, a porcentaxe antes mencionada deberá ser do 5 por 100. Se faltasen máis de dous meses para convocar Xunta Xeral Ordinaria e se se tratase dunha cuestión urxente ou implicase censura á Xunta de Goberno, esta deberá convocar Xunta Xeral Extraordinaria no prazo de trinta días lectivos.
CAPÍTULO II.
Deberes dos colexiados
Artigo 24.
O colexiado asumirá coa condición de tal os deberes de:
a) Exercer as súas funcións profesionais con ética e competencia, asumindo e respectando o código deontolóxico da profesión.
b) Interesarse polas actividades e os problemas colexiais, así como polo mellor cumprimento das obrigacións estatutarias.
c) Presentar oportunamente as declaracións profesionais referentes ao modo que teñen os colexiados de profesionalizar as súas titulacións, e o resto de documentos que lles sexan requeridos preceptivamente. A declaración profesional consistirá concretamente en informar ao Colexio da profesión que se exerce.
d) Comunicar ao Colexio, no prazo de quince días, os cambios de domicilio ou veciñanza.
e) Comunicar ao Colexio os casos de intromisión ou corrupción profesional que coñezan.
f) Satisfacer, dentro do prazo regulamentario, as cotas e obrigas económicas que correspondan.
g) Cumplir leal e dilixentemente os cargos para os que teñan sido elixidos e as Comisións que o Colexio lles teña confiado e eles teñan aceptado.
h) Cumplir os acordos e resolucións da Xunta de Goberno sen prexuízo dos recursos que considere oportuno interpoñer.
i) Actualizar a súa formación, reciclando coñecementos e metodoloxías, para así poder exercer a profesión de modo que se proxecte como un servicio ós demais.
TÍTULO V
Dos órganos de goberno do Colexio
CAPÍTULO I.
A composición do goberno colexial
Artigo 25.
Os órganos colexiados do Colexio son a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno, e un/ha Decano/a, como órgano unipersoal de representación da corporación.
A Xunta Xeral é o órgano supremo do Colexio e os seus acordos adoptados estatutariamente obrigan aos colexiados.
A Xunta de Goberno é o órgano de xestión do Colexio e os seus membros deben ter a residencia no territorio do Colexio e ser elixidos segundo o que prevén os presentes Estatutos.
O/a Decano/a é o órgano unipersoal de representación do Colexio.
SECCION I.
Da Xunta Xeral
Artigo 26. Composición
Poden participar con voz e voto nas Xuntas Xerais do Colexio tódolos colexiados do mesmo que estean na plenitude dos seus dereitos.
Artigo 27. Atribucións
1. Corresponde á Xunta Xeral:
a) Elaborar, aprobar e modificar os Estatutos do Colexio, de acordo coas Leis vixentes que lle sexan de aplicación.
b) Aprobar as contas xerais de ingresos e gastos do ano anterior, e do período correspondente a cada Xunta de Goberno cando se produza a renovación da mesma, previo informe dos censores.
c) Aprobar os presupostos ordinarios ou extraordinarios, que deberán ter sido expostos como mínimo durante os quince días anteriores ao da Xunta Xeral correspondente.
d) Decidir sobre as propostas de inversión de bens colexiais.
e) Adoptar acordos sobre as xestións da Xunta de Goberno.
f) Adoptar os acordos sobre as cuestións que, por iniciativa da Xunta de Goberno, figuren na orde do día.
g) Coñecer as proposicións ás que fai referencia o apartado 4 do artigo 23 e tomar o acordo que proceda.
h) Considerar os informes das delegacións, comisións e equipos de traballo, se o manda a Xunta de Goberno ou o solicitan os colexiados.
2. Se a maioría dos presentes non aproba a xestión da Xunta de Goberno, esta deberá convocar Xunta Xeral Extraordinaria no termo de trinta días hábiles para ratificar ou non este acordo. No caso de nova reprobación da xestión da Xunta de Goberno, esta deberá dimitir e cesar nas súas funcións.
Artigo 28. Sesións
1. A Xunta Xeral pódese reunir con carácter ordinario ou extraordinario.
2. A Xunta Xeral Ordinaria celebrarase anualmente, como moi tarde a finais do primeiro trimestre do ano. A Extraordinaria convocarase cando a Xunta de Goberno o crea conveniente ou segundo o caso previsto no artigo 23.4 destes Estatutos.
3. A convocatoria da Xunta Xeral Ordinaria será expedida con quince días de anticipación, como mínimo, e a das Extraordinarias con oito días, como mínimo.
4. A convocatoria da Xunta Xeral efectuaráse por medio de citación persoal por escrito a cada colexiado, coa correspondente orde do día. Sobre as cuestións que non figuren na mesma non se poderá tomar ningún acordo.
5. A orde do día da Xunta de Xeral debe conter obrigatoriamente os puntos b), c) e e) enunciados no apartado 1 do artigo 27, ademáis do punto h), no seu caso, do mesmo apartado e artigo. A orde do día da Xunta Xeral Extraordinaria convocada de acordo co apartado 4 do artigo 23 deberá incluir os puntos esixidos polos peticionarios. En todo caso, a Xunta de Goberno pode incluír, por iniciativa propia, dictames e proposicións que someterá á consideración da Xunta Xeral.
6. No local, o día e a hora prefixados públicamente constituirase a Xunta Xeral, xa sexa en primeira convocatoria, coa asistencia da maioría absoluta de colexiados, xa sexa en segunda convocatoria, trinta minutos máis tarde, cun número calquera de asistentes.
7. Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría e serán obrigatorios para tódolos colexiados, agás que estes Estatutos ou unha norma superior determine outra cousa.
Artigo 29. Acta.
A Xunta Xeral elixirá tres interventores, que no termo de dez días hábiles, de acordo co Decano e o Secretario aprobarán as actas e os acordos convertiranse entón en executivos.
SECCIÓN II
Da Xunta de Goberno
Artigo 30.
1. Corresponde á Xunta de Goberno a dirección e administración do Colexio, a responsabilidade do mellor cumprimento no seu propio ámbito de todas as competencias e funcións que se atribúen ó Colexio na normativa legal vixente e todos os acordos que adopte estatutariamente a Xunta Xeral de Colexiados.
A Xunta de Goberno estará integrada por: Decano, dous Vicedecanos, Secretario, Vicesecretario, Tesoureiro, Interventor e catro Vocais.
2. Os membros da Xunta de Goberno deben ter residencia legal na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 31. Atribucións dos membros da Xunta de Goberno
1. O/a Decano/a: Exercerá a representación da Xunta de Goberno e, polo tanto, a do Colexio. Estará facultado para estender poderes, autorizará coa súa sinatura a execución ou o cumprimento dos acordos, convocará e presidirá as Xuntas Xerais e as sesións da Xunta de Goberno, e fixará a orde do día de todas elas. En caso de enfermidade, ausencia ou imposibilidade con carácter temporal, será substituído polo Vicedecano de maior idade e, se iso non fora posible, polo outro Vicedecano.
2. Os/as Vicedecanos/as, no seu caso, exercerán aquelas funcións que dentro da orde colexial lle teña delegado a Xunta de Goberno ou o/a Decano/a, e substituirano, no orde sinalado no apartado anterior, en caso de enfermidade, ausencia ou imposibilidade. Se quedasen vacantes os cargos de Decano e Vicedecanos, exercería as funcións destes o membro da Xunta de Goberno que sexa elixido polos seus compoñentes.
3. O/a Secretario/a: Correspóndelle recibir e tramitar as solicitudes e comunicacións, dando conta de iso a quen corresponda; dirixirá as oficinas; dará validez coa súa sinatura e o visto e prace do/a Decano/a, se é necesario, aos acordos e certificacións: custodiará o selo, os libros e a documentación do Colexio. Será ademáis, o xefe/a do persoal administrativo e subalterno.
4. O/a Vicesecretario/a, no seu caso, exercerá as funcións que lle teña delegado a Xunta de Goberno ou o/a Secretario/a.
5. O/a Tesoureiro/a recadará e custodiará os recursos do Colexio; pagará os libramentos que expida o/a Decano/a, previa a notificación ao/á Interventor/a; formulará mensualmente a conta de ingresos e gastos do mes anterior e, anualmente, a do exercicio económico; redactará os presupostos anuais que a Xunta de Goberno deba presentar á aprobación da Xunta Xeral; ingresará e retirará diñeiro das contas correntes conxuntamente co/a Decano/a, e levará o inventario minucioso dos bens do Colexio, dos cales será o administrador.
6. O/a Interventor/a, no seu caso, tomará nota das entradas e saídas de caudais e de tódolos libramentos que expida o/a Decano/a e presentará cada mes á Xunta de Goberno o resume das contas para que se faga cargo do mesmo o/a Tesoureiro/a. Procederá analogamente respecto á Mutualidade, no caso de que se manteña a xestión da Mutualidade desde o Colexio.
7. Os/as vocais terán as funcións específicas delegadas pola Xunta de Goberno. En caso de ausencia ou enfermidade dalgún membro con funcións específicas, estas serán encomendadas a outros que determine a Xunta de Goberno, a proposta do/a Decano/a.
Artigo 32.
A Xunta de Goberno reuniráse mensualmente en período lectivo e nas ocasións en que sexa convocada polo/a Decano/a, porque o crea necesario ou a petición dun tercio dos membros da Xunta. Só se poderán tomar acordos válidos sobre as cuestións que figuren na orde do día e por maioría de votos.
Os acordos adoptaránse por maioría, agás cando os presentes Estatutos ou unha norma legal determinen outra cousa, e serán inmediatamente executivos, sen prexuízo da aprobación da acta na seguinte Xunta.
Tamén se poderán tratar outros asuntos non incluídos na orde do día, sempre que estea presente a totalidade dos membros da Xunta de Gobemo e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.
As faltas de asistencia ás reunións da Xunta serán sancionadas de acordo co que dispón o artigo 36 destes Estatutos.
Potestativamente, a Xunta de Goberno poderá invitar ás súas sesións, en calidade de asesores sen voto, as persoas que considere conveniente.
Artigo 33. Baixas e substitucións
1. Será causa de baixa na Xunta de Goberno:
a) Defunción.
b) Enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.
c) Renuncia por forza maior.
d) Traslado de residencia fóra do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
e) Resolución condenatoria firme recaída en expediente disciplinario por falta grave ou moi grave.
f) Baixa como colexiado/a.
g) Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas e seis discontinuas, igualmente non xustificadas, ás reunións da Xunta de Goberno.
h) Por demisión aceptada por a Xunta de Goberno.
2. Cando se produzan as vacantes de máis da mitade dos cargos, iniciaráse un novo proceso electoral.
SECCIÓN III
Da forma de elección dos órganos de goberno e da remoción por medio da moción de censura e da cuestión de confianza
Artigo 34.
A forma de elección dos órganos de goberno e o procedemento de remoción dos órganos de goberno por medio da moción de censura pola xunta xeral, así como a cuestión de confianza, efectuaranse de conformidade co disposto nos Anexos I e II dos presentes Estatutos, sendo parte integrante dos mesmos.
TÍTULO V
Réxime económico-financeiro
Artigo 35. Capacidade xurídica e patrimonial.
O Colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial. As súas actividades realizaránse sen ánimo de lucro.
Artigo 36. Ingresos.
1. Serán recursos económicos dos Colexios:
a) As cotas percibidas por calquer concepto.
b) Os dereitos por expedición de documentos, legalización de firmas, laudos e dictámenes.
c) Os dereitos por expedición de impresos, actas e certificacións.
d) Os beneficios que lle reporten as súas edicións.
e) Os donativos que reciba.
f) Os intereses do capital, pensións e beneficios de todo tipo que poidan producir os bens que consitúen o seu patrimonio.
g) Calquer outro ingreso que se poida obter.
2. O Colexio fixará as cotas tanto ordinarias como extraordinarias dos seus colexiados, de acordo coas competencias da Xunta Xeral.
Artigo 37. Censores.
1. Haberá anualmente dous Censores e dous suplentes, que terán a súa disposición, desde quince días antes da Xunta Xeral que deba aprobalas, as contas do exercicio liquidado, os xustificantes de ingresos e gastos, ordes de pago correspondentes e, se procede, os acordos determinantes. Tamén procederá a actuación dos censores sempre que se produza a renovación, total ou parcial, dos órganos directivos do Colexio. Todo elo sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde ós organismos públicos legalmente habilitados para iso.
2. Os/as Censores/as presentarán o seu informe anual e, no seu caso, o correspondente ó período de goberno da última Xunta de Goberno, á Xunta Xeral e por escrito.
3. Os/as Censores/as serán designados por sorteo cun mecanismo establecido e publicado pola Xunta de Goberno. O cargo de Censor é incompatible co de membro actual da Xunta de Goberno e con telo sido anteriormente.
TÍTULO VII
Réxime de distinción e premios
Artigo 38. Premios e honores.
1. O Colexio poderá outorgar os premios de Colexiado/a Distinguido/a e Colexiado/a de Honor a aqueles/as colexiados/as que se tiveran feito merecedores/as dos mesmos polo seu labor ó servicio da cultura, a educación, a investigación científica, a divulgáción e a creación literaria e artística.
Mentres dure o seu mandato, os membros da Xunta de Goberno non poderán presentarse nin ser propostos para ningún premio ou honor, organizado polo Colexio.
2. O Colexio poderá propoñer a colexiados/as para premios e honores que concedan outras entidades.
3. A Xunta de Goberno poderá nomear Membro de Honor a persoas, entidades ou asociacións que polos seus merecementos científicos, técnicos ou profesionais, sexa cal fora a súa titulación, teñan contribuído ó desenvolvemento da educación, das profesións derivadas dos títulos universitarios que facultan para ingresar no Colexio e dos servicios prestados ó mesmo.
TÍTULO VIII
Do réxime disciplinario
Artigo 39. Faltas
1. A Xunta de Goberno poderá impoñer sancións aos/ás colexiados/as, previa instrucción de expediente disciplinario, cando a súa conducta se aparte dos seus deberes profesionais e dos derivados do respeto necesario para cos/coas compañeiros/as de acordo co establecido nestes Estatutos.
2. Serán faltas leves aquelas que revelen neglixencia pouco acusada no cumprimento dos deberes que corresponden ó/á colexiado/a.
3. Serán consideradas faltas graves:
a) A falta leve cometida despois de ter sido sancionado/a en tres ocasións por faltas leves iguais.
b) A falta leve despois de ter sido sancionado/a catro veces por diferentes faltas leves.
c) A falsidade da realidade en declaracións profesionais referentes ao modo que teñen os /as colexiados/as de profesionálizar as súas titulacións.
d) A sinatura de actas de cualificación non acabadas de cumprimentar ou que inclúan a alumnos/as que no curso escolar non estiveran baixo o control docente efectivo do signatario.
e) Os malos tratos a alumnos/as ou a compañeiros/as .
f) O incumprimento ou abandono de funcións propias do cargo con préxuízo claro para a profesión.
4. Serán consideradas faltas moi graves aquelas que a súa comisión sexa incompatible coa deontoloxía profesional, é dicir, os actos que se dirixen contra os dereitos básicos consagrados na Constitución, de alumnos/as, pais/nais de familia ou titores dos/das alumnos/as ou calquer outro individuo sobre o que se proxecte a acción profesional. En todo caso, será moi grave a falta cometida despois dunha segunda sanción de seis meses ou máis de suspensión.
Artigo 40. Sancións e prescripcións.
1. As faltas leves prescribirán aos seis meses despois de ter sido cometidas; as graves, ao cabo de dous anos, e as moi graves, ao cabo de tres anos.
2. As faltas leves poderán ser sancionadas cunha simple reprensión privada ou ben cunha advertencia por oficio e nota no seu expediente persoal. Ao cabo de seis meses da última anotación de falta leve no seu expediente, anularanse as anotacións por faltas leves que consten no mesmo.
3. As faltas graves sinaladas nos apartados d) e e) do artigo anterior, cando sexan públicas e notorias, poderán ser sancionadas con reprensión pública e con suspensión do exercicio de dereitos colexiais por unha duración non superior a un ano. A reprensión pública consistirá nun comunicado de repulsa, firmado pola Xunta de Goberno nos mesmos medios nos que fosen divulgadas as devanditas infraccións.
4. As faltas moi graves serán sancionadas coa suspensión dos dereitos colexiais e/ou profesionais por un tempo superior a un ano e inferior a cinco anos.
5. A suspensión á que se refiren os apartados 3 e 4 non afectará en ningún caso ós dereitos adquiridos como mutualista.
Artigo 41. Garantías
1. Sen citación e audiencia previa do interesado non se poderá acordar ningún tipo de sanción.
2. No caso de supostas faltas graves ou moi graves, tramitarase expediente disciplinario. O/a Decano/a, de acordo coa Xunta de Goberno, designará un instructor do expediente e respetaranse en todo momento os principios do Dereito administrativo, especialmente polo que se refire á audiencia das partes implicadas e á resolución final, que deberá conter por escrito a motivación.
3. Se o presunto infractor fose membro da Xunta de Goberno, non tomará parte nas deliberacións nin votacións da Xunta de Gobemo sobre o seu caso.
Artigo 42. Recursos.
Toda sanción será susceptible de recurso, de acordo co que se establece no título seguinte.
TÍTULO IX
Réxime xurídico dos actos do Colexio e dos recursos contra eles.
Artigo 43. Normas xerais e recursos.
A Comisión de Recursos é o órgano encargado da resolución dos recursos que, conforme ás Leis, poidan interpoñerse contra actos do Colexio. Esta Comisión non estará sometida a instruccións xerárquicas do órgano de goberno do Colexio e respetará na súa actuación os principios, garantías e prazos que a Lei recoñece ós cidadáns e ós interesados en todo procedemento administrativo.
A Comisión de Recursos estará composta por catro membros do Colexio con polo menos cinco anos de colexiación elixidos cada dous anos, na Xunta Xeral. A este efecto a Xunta de Goberno convocará a elección dos seus membros na convocatoria correspondente da Xunta Xeral; os candidatos deberán presentar a súa candidatura persoalmente cunha semana de antelación á celebración da Xunta Xeral. No caso de non haber candidatos procederáse a formar unha Comisión de Recursos de idade.
2. Os actos colexiais, en todo aquilo que non provean especificamente os presentes Estatutos, quedan suxeitos á Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.
3. Os actos e resolucións da Xunta de Goberno do Colexio poderán recorrerse ante a Comisión de Recursos. O prazo para a interposición do recurso será dun mes. Transcorridos tres meses desde a interposición do recurso, sen que se dicte a resolución, poderáse entender esgotada a vía administrativa. Os actos da Xunta Xeral esgotarán directamente a vía administrativa.
4. Contra os actos que esgoten a vía administrativa de acordo co disposto no apartado anterior poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os Xulgados e Tribunais dese orde xurisdiccional, de acordo co disposto na súa Lei reguladora, e con carácter previo e potestativo, recurso de reposición ante o propio órgano que teña dictado o acto.
5. O recurso extraordinario de revisión pódese interpoñer de conformidade co que dispón o artigo 118 da Lei 30/1992, de 26 de novembro.
6. O réxime xurídico dos actos presuntos do Colexio será o establecido pola Lei 30/1992, de 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro.
TÍTULO X
Do persoal do Colexio
Artigo 44. Persoal administrativo e subalterno.
O Colexio terá o persoal de oficina e subalterno necesario, e as súas remuneracións figurarán no capítulo de gastos do presuposto.
TÍTULO XI
O Regulamento de Réxime Interior
Artigo 45.
O Colexio poderá aprobar Normas de Réxime Interior, que non poderán contradicir o disposto nos presentes Estatutos. As normas de réxime interior serán aprobadas pola Xunta de Goberno e estarán vixentes entrementes que a Xunta Xeral non decida outra cousa sobre a súa vixencia. A mesma Xunta de Goberno estará facultada para reformar as vixentes, seguindo o mesmo procedemento de aprobación.
TÍTULO XII
A reforma-e modificación dos Estatutos
Artigo 46.
A reforma dos presentes Estatutos poderá efectuarse a proposta da Xunta de Goberno, ou por iniciativa do quince por cento dos socios en solicitude por escrito ou mediante proposta na Xunta Xeral, aínda que terá logo que ser aprobado na Xunta Xeral extraordinaria e dedicada exclusivamente a este obxecto.
TÍTULO XIII
Disolución do Colexio e o destino dos bens
Artigo 47. Trámite de disolución.
1. A disolución do Colexio terá lugar cando sexa decretada por Lei.
2. Por cesación dos seus fins e previo acordo dunha Xunta Xeral Extraordinaria. O acordo de disolución comunicarase ó Departamento ou Consellería correspondente do Goberno da Comunidade Autónoma para a súa posterior aprobación.
Artigo 48. Destino dos bens
O patrimonio destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. Ao activo restante daráselle o destino que teña acordado a Xunta Xeral Extraordinaria que acordou a disolución.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Os profesionais que, na data de publicación dos presentes Estatutos, estiveran colexiados no Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias da Comunidade Autónoma de Galicia, a pesar de que as súas titulacións respectivas non foran das enumeradas no artigo 3 destes estatutos, poderán permanecer no Colexio. Esta mesma posibilidade concederáselle ós colexiados que se vexan afectados pola segregación dalgunha das titulacións que dan acceso a este Colexio, nos termos que estableza a Lei que cree o novo Colexio segregado.
DISPOSICIÓN DERROGATORIA
ÚNICA.
Quedan derrogadas desde a entrada en vigor dos presentes Estatutos, as disposicións de igual ou menor rango que se opoñan ó mesmo, así como todas aquelas que poideran estar en contradicción con eles. Para manter o seu valor os acordos e disposicións vixentes, deberán adaptarse a estes Estatutos.
ANEXO I
Procedemento para a elección dos membros da xunta de goberno e demais cargos electivos
Artigo 1. Convocatoria.
1. Cada catro anos terán lugar eleccións ordinarias para renovar todos os cargos da Xunta de Goberno do Colexio.
2. A convocatoria de eleccións realizarase con dous meses de antelación, como mínimo, respecto á data de celebración, e conterá un calendario detallado de todo o proceso electoral, e remitirase dita convocatoria a todos e cada un dos colexiados.
3. A convocatoria de eleccións realizaraa a Xunta de Goberno do Colexio.
Artigo 2. Electores.
1. Poderán ser electores todos/as os/as colexiados/as salvo que estean suspendidos no exercició dos seus dereitos colexiais de acordo co artigo 40.
2. Durante os trinta días anteriores á data electoral o Colexio exporá a lista dos seus membros con dereito a voto.
3. Durante os primeiros oito días de exposición das listas, os colexiados poderán presentar reclamacións, que terán que ser resoltas pola Xunta de Goberno no prazo dos oito días seguintes.
Artigo 3. Elexibles.
1. Poderán ser candidatos/as todos/as aqueles/as colexiados/as que, tendo a condición de electores/as, non estean incapacitados/as por prohibición legal ou estatutaria, que teñan cumprido polo menos un ano de colexiación na data da convocatoria e que teñan, como mínimo, un ano de residencia legal dentro dó ámbito territorial do Colexio.
2. Dentro dos vinte días naturais seguintes á convocatoria electoral, poderanse presentar no Colexio as propostas de candidatos, suscritas polo interesado ou ben por dez colexiados con dereito a voto. Durante os tres días hábiles posteriores o Colexio deberá expoñer, públicamente, a lista de candidatos propostos co fin de que, no termo dos cinco días posteriores, poidan ser obxecto de xustitificada impugnación polo elector ou electores que o crean procedente, ou ben poidan retirarse os candidatos que o desexen. A Xunta de Goberno resolverá estas reclamacións no prazo de catro días.
3. En caso de presentarse como candidatos ou candidatas membros da Xunta de Goberno, estes non poderán intervir na resolución das reclamacións nin en ningún outro aspecto do proceso electoral. Se o/a Secretario/a se presentase á reelección, o/a Vicesecretario/a asumirá as súas funcións no proceso electoral e, se este tamén se presentase á reelección, faráo un vocal da Xunta de Goberno designado pola mesma. Se toda a Xunta de Goberno se presentase á reelección, resolverá as reclamacións unha mesa de idade formada por tres colexiados/as, elixido/as por sorteo (con tres suplentes) despois de dividir o listado de colexiados en tres partes polo orde de número de colexiación.
4. Na data xa anunciada pola convocatoria de eleccións, a Xunta de Goberno proclamará en sesión pública as listas oficiais de candidatos.
Artigo 4. Mesas electorais.
1. As mesas electorais estarán constituidas por un/ha Presidente/a, un/ha Secretario/a e un/ha vocal designados pola Xunta de Goberno; o/a Presidente/a deberá ser membro desta, salvo que se presente a reelección.
2. A Xunta de Goberno poderá constituir unha soa mesa electoral ou tamén outras mesas na mesma ou noutras poboacións. No momento de facer públicas as listas de electores débese facer constar a mesa á que cada un deles debe ir votar.
3. A mesa electoral débese constituir media hora antes de comenzar as eleccións.
4. Cada candidatura ou candidato/a ten dereito a nomear dous interventores por cada mesa electoral; teñen que ser electores. A designación de interventores debe ter sido comunicada á Xunta de Gobemo vinticatro horas antes da constitución da mesa correspondente.
Artigo 5. Formas e orde da elección.
O dereito electoral poderáse exercitar:
a) Persoalmente, unha vez comprobada a identidade e a condición de elector. O voto irá dentro dun sobre branco para garantir o segredo. Na convocatoria electoral especificaranse as características das papeletas e os sobres.
b) Por correo certificado, da seguinte forma: o elector introducirá a papeleta de votación dentro dun sobre branco sen ningunha anotación nin sinal e, unha vez pechado, deberá metelo dentro doutro sobre coa fotocopia do DNI; e dirixirao ao Decano/a do Colexio, indicando «Eleccións»; e no reverso exterior do sobre fará constar o nome, o domicilio e o seu número de colexiado/a, e firmará no reverso de maneira que a sinatura cruce a solapa.
Os sobres téñense que ter recibido no Colexio vintecatro horas antes da elección. A custodia dos votos por correo corresponde ao Secretario da Xunta de Goberno, que os deberá entregar á mesa electoral no momento de iniciar a votación. Unha vez finalizada a votación persoal, abriranse os sobres recibidos por correo e introduciranse na urna os sobres en branco que conteñan, despois de ter comprobado a identidade do elector. En caso de que este xa tivera votado persoalmente, inutilizarase o voto por correo.
c) Mediante entrega persoal en sobre pechado coas mesmas condicións. que no apartado b) no rexistro oficial do Colexio, de igual modo con vinticatro horas de antelación á data de celebración das votacións.
Artigo 6. O escrutinio e actas da elección.
1. Unha vez finalizada a elección, realizaráse o escrutinio en acto público.
2. En todas as papeletas electorais consideraranse nulos os nomes ilexibles, os que non determinen claramente a que candidato respaldan e os das persoas que non sexan candidatas para aquel cargo, sen que todo iso afecte á validez dos outros nomes da papeleta.
3. Unha vez finalizado o escrutinio, levantarase a acta correspondente por duplicado, que deberá ser firmada polos compoñentes da mesa e polos interventores, sen prexuízo dos recursos que consideren oportuno presentar. Unha copia quedará exposta no lugar da votación e faráse cargo da outra o/a Secretario/a do Colexio.
4. Se a votación se tivese realizado en máis dunha poboación, o quinto día hábil seguinte celebraráse sesión pública no local e hora xa determinados pola convocatoria da elección, e a Xunta de Goberno, á vista das cifras totais de votos válidos, levantará a acta correspondente e fará públicos os resultados electorais e proclamará os candidatos elixidos.
Artigo 7. Reclamacións e aprobación da elección.
As reclamacións relacionadas coa celebración das eleccións deberán presentarse no termo de cinco días seguintes ó da celebración das eleccións, á Xunta de Goberno, que resolverá nun prazo non superior a quince días e proclamará os candidatos definitivamente elixidos. Todo iso, sen prexuízo da posibilidade de interposición dos correspondentes recursos ante a Comisión de Recursos do Colexio.
Artigo 8. Posesión.
1. No termo de quince días despois da proclamación dos candidatos elexidos, estes deberán tomar posesión.
2. Se a toma de posesión non fora posible no prazo indicado por causa xustificada, a Xunta establecerá unha nova data límite despois de ter falado cos candidatos elixidos.
3. A toma de posesión dos novos membros da Xunta de Goberno débese comunicar, no termo de dez días desde que esta se teña producido, á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se comunicará no mesmo prazo ó Consello Xeral de Colexios.
ANEXO II
Procedemento para a remoción dos órganos de goberno por medio da
moción de censura pola xunta xeral e a cuestión de confianza
CAPÍTULO I.
Da moción de censura
Artigo 1..
A Xunta Xeral poderá esixir responsablidade pola actividade do/a Decano/a do Colexio mediante a aprobación dunha moción censura.
Artigo 2.
Presentarase mediante un simple escrito, no que conste de maneira sucinta a intención de formular a moción de censura. Neste escrito deberá solicitarse a celebración da Asemblea Xeral, precisando para isto que se subscriba, polo menos, por unha quinta parte dos membros que compoñan a corporación.
Artigo 3.
No mesmo escrito de presentación da moción de censura, será necesario incluír o nome do candidato que se propón nesa moción de censura. Poderá presentarse máis dunha moción de censura, que se regulará polo disposto nas normas anteriores.
Os escritos das mocións de censura rexistraránse no libro Rexistro do Colexio, dándoselles o seu correspondente número de entrada e hora en que se recibe, e, de non existir o mesmo, constarán nunha relación na que conste o selo do Colexio e a sinatura do Secretario, que servirá para a regulación das intervencións no debate correspondente.
Artigo 4:
A moción de censura poderá ser votada despois de cinco días da súa presentación, podendo presentarse, dentro dese prazo, mocións alternativas.
Artigo 5.
Se a moción de censura fora desbotada, os seus asinantes non poderán subscribir ningunha outra dentro do mandato do/a Decano/a.
Artigo 6.
Se a moción de censura fora aprobada pola Xunta Xeral, por maioría absoluta, o/a Decano/a e a Xunta de Goberno cesarán, e o candidato incluido ocupará o cargo nos mesmos termos.
CAPÍTULO II.
Da cuestión de confianza
Artigo. 1
O/a Decano/a, oída á Xunta de Goberno, poderá prantexar ante a Xunta Xeral a cuestión de confianza sobre a súa política e actuación. Non se poderá votar ata pasadas vintecatro horas da súa presentación, e a confianza entenderáse outorgada por maioría simple. Se a Xunta Xeral negase a súa confianza, o/a Decano/a entenderase cesado e, en consecuencia, procederase a unha nova elección, conforme co establecido no Anexo I destes estatutos.
Xunta de Goberno
- DECANA E INTERVENTORA: Mª del Carmen García Cabezudo.
- SECRETARIO: Ismael Arias Melón.
- TESOUREIRO: Gregorio Casado González.
- VOGAIS: Patricia Cupeiro López e Andrés Bonilla Rodríguez.