O Colexio urxe unha solución nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos

O Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Ciencias e Letras de Galicia – que agrupa a máis de 400 profesionais de diferentes titulacións científicas e humanísticas- quere facer pública a súa oposición á intervención realizada nas gárgolas do Hostal dos Reis Católicos.

A instalación de elementos metálicos visibles supón non só un erro estético, senón unha vulneración dos criterios científicos que deben rexer calquera actuación nun Ben de Interese Cultural (BIC) de relevancia mundial.

Dende o enfoque da arqueoloxía da arquitectura, o Colexio sostén que a actual solución é inaceptable polos seguintes motivos:

- Ruptura da lectura estratigráfica: Cada elemento do Hospital Real, obra de Enrique Egas, forma parte dunha secuencia histórica coherente. A introdución de tubos industriais distorsiona a percepción do monumento e “falsifica” a súa lectura orixinal, tratando as gárgolas como meros desaugadoiros e non como pezas arqueolóxicas clave.

- Vulneración da reversibilidade: Un principio fundamental da restauración é que calquera adición debe ser reversible sen danar o soporte. O contacto do metal co granito histórico pode xerar procesos de erosión diferencial e manchas por óxido, comprometendo a conservación futura da pedra.

- Banalización do Patrimonio: O Obradoiro non admite solucións rudimentarias. A existencia de tecnoloxía moderna permite canalizacións ocultas ou sistemas integrados que resolven a evacuación de auga sen sacrificar a integridade visual dun espazo que é Patrimonio da Humanidade.

Erro histórico
O Colexio recoñece a necesidade de protexer o edificio das filtracións, pero subliña que “a forma en que se decidiu facelo non está á altura do lugar”.

Segundo a institución, nun espazo de máxima significación simbólica para Galicia, o profesional non debe introducir elementos que reclamen unha atención allea á lóxica do edificio.

Por estes motivos, o Colexio insta ás autoridades e á dirección do Hostal a retirar de inmediato os tubos metálicos; executar un proxecto de restauración técnica que entenda o monumento como un todo arqueolóxico e arquitectónico; e asumir a responsabilidade institucional de transmitir o legado do Obradoiro sen distorsións ás xeracións vindeiras.

 

Fotografia: Diario de Santiago