Fondo pesar polo pasamento de Gregorio Casado, tesoureiro do CDLG

Querido Goyo e querida familia Casado Aparicio,

vimos de recibir a noticia da túa inesperada partida e non podemos deixar pasar esta ocasión para despedirnos de ti, lembrándote como o noso amigo e compañeiro tanto de estudos como da Xunta de Goberno do Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía, Letras e en Ciencias de Galicia ao que pertencías e co que colaborabas como Tesoureiro. Lembrámoste coma membro activo e solícito colaborador do noso Colexio, e queremos expresar o noso sinceiro pesar pola túa precipitada partida. Queremos destacar a túa implicación en prol da dignificación das titulacións de Humanidades, dende a túa madurez como profesional colexiado e manifestar o noso fondo agradecemento por ter desenvolvido un rol tan importante no CDLG.

Hoxe, inundados de tristeza, queremos con estas verbas honrar unha vida consagrada á historia, á documentación e á paleografía. Desfrutamos moito da túa compaña e agardamos que goces, dende agora, do descanso eterno que mereces. Botaremos en falta o teu bo humor e os teus comentarios sempre tan sensatos e tan acaídos nas Xuntas de Goberno. Alá onde esteas, desexamos que atopes a paz, e nós continuaremos a recordarte cun enorme cariño.

O noso pensamento está coa túa familia, á que queremos desexar que atopen consolo e paz na túa lembranza nestes tristes e duros momentos. 

Dende o más sinceiro dos nosos corazóns, recibe unha forte aperta.

D. E. P

A Xunta de Goberno do CDLG

Goyo Casado AparicioGoyo Casado Aparicio nunha Xunta de Goberno do CDLG