O Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG) desexa expresar publicamente o seu apoio á Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes e manifestar a súa preocupación ante a continuidade do proceso de desmantelamento da antiga Central Térmica, especialmente pola anunciada demolición de elementos de indubidable valor histórico, tecnolóxico, paisaxístico e cultural.
Ao longo dos últimos anos, a Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes desenvolveu un labor exemplar de sensibilización social e defensa do patrimonio común, conseguindo mobilizar centos de cidadáns e obter o respaldo de institucións e entidades de referencia no ámbito da conservación do patrimonio industrial, entre elas TICCIH España, ICOMOS España, Hispania Nostra, a SEDPGYM, a Associació del Museu de la Ciència i de la Tècnica de Catalunya, a Asociación de Estudios Alfoz de Gauzón, Buxa e diversos organismos académicos e científicos de prestixio, cos que compartimos a vontade de sumar esforzos. Este amplo consenso evidencia que non estamos perante unha cuestión local ou circunstancial, senón ante un asunto de relevancia cultural e social que transcende o ámbito municipal.
A antiga Central Térmica das Pontes constitúe un dos conxuntos industriais máis significativos da historia contemporánea de Galicia. As súas instalacións representan unha parte fundamental da memoria colectiva da comarca e son testemuño dun modelo produtivo e enerxético que marcou durante décadas a evolución económica, social e territorial do país.
A Central Térmica das Pontes e o complexo mineiro asociado a ela representan un dos episodios máis destacados da historia enerxética de España, ao teren estado en funcionamento durante case cincuenta anos. Trátase dun fito sobranceiro da historia industrial española e dunha paisaxe cultural hoxe en risco de desaparición. Tanto a cheminea como as torres de refrixeración e outros elementos das instalacións, pola súa singularidade e capacidade simbólica, convertéronse en referentes da paisaxe industrial galega. A súa conservación responde ao recoñecemento dos seus valores identitarios, históricos, culturais, arquitectónicos, documentais, pedagóxicos e turísticos.
Desde o CDLG consideramos que a conservación do patrimonio industrial non é incompatible coa transformación económica nin co avance cara a un modelo enerxético sustentable. Pola contra, ambas as dúas cuestións deben avanzar da man, e a experiencia europea demostra que a recuperación e reutilización destas infraestruturas pode actuar como motor de investigación, desenvolvemento territorial, innovación cultural, turismo industrial e creación de novas oportunidades económicas e de emprego.
Por este motivo, entendemos que calquera decisión irreversible sobre o futuro da central debe estar precedida por unha avaliación rigorosa e independente do conxunto dos seus valores culturais e patrimoniais, atendendo non só aos aspectos construtivos e tecnolóxicos, senón tamén ás dimensións paisaxística, social, documental e simbólica asociadas a este complexo industrial.
Así mesmo, consideramos especialmente relevante que sexan respectados e executados os acordos adoptados polas institucións públicas, incluídos aqueles aprobados por unanimidade polo Pleno do Concello das Pontes en relación coa realización dun estudo técnico sobre os potenciais usos futuros das instalacións e coa análise dos elementos susceptibles de conservación, actuacións que aínda non se levaron a cabo.
Por todo o exposto, o CDLG solicita:
- A Endesa Generación, S.A., que reconsidere a inminente demolición dos elementos de maior valor patrimonial e participe activamente nun proceso de diálogo e cooperación institucional que permita estudar alternativas de conservación e reutilización compatibles coa transición enerxética.
- Ao Concello das Pontes, que impulse con urxencia os mecanismos de diálogo, estudo e participación necesarios para garantir unha toma de decisións transparente, rigorosa e respectuosa cos compromisos adquiridos polo Pleno municipal.
- Á Xunta de Galicia, que acelere os procedementos de avaliación e protección patrimonial que resulten pertinentes, incluída a análise da declaración da cheminea e da súa contorna como Ben de Interese Cultural, ou mediante outras figuras de protección adecuadas para o conxunto da Central.
- Ás administracións e organismos competentes, que promovan a constitución dun grupo de traballo multidisciplinar integrado por especialistas en conservación do patrimonio industrial, historia, historia da arte, arquitectura, enxeñaría, economía, xestión cultural, turismo e ordenación do territorio, co fin de avaliar as posibilidades de conservación, reutilización e posta en valor deste enclave singular.
O CDLG comparte a idea de que o patrimonio industrial das Pontes pode converterse nun espazo de referencia para a investigación, a divulgación e a reflexión sobre a evolución dos modelos produtivos e a transición enerxética, integrando memoria, coñecemento, sustentabilidade e desenvolvemento local.
Finalmente, expresamos a nosa solidariedade coa Asociación do Patrimonio Industrial das Pontes e co conxunto da cidadanía galega comprometida coa defensa do seu legado común. Confiamos en que as administracións públicas e a empresa propietaria actúen coa responsabilidade, sensibilidade e visión de futuro que unha decisión desta transcendencia require.
Por todo o exposto, asinamos este documento na convicción de que protexer o noso patrimonio industrial significa preservar un recurso cultural de primeira orde, imprescindible para construír un futuro máis consciente, máis sustentable e máis respectuoso coa memoria colectiva.
Fotografía: El Progreso
