O 18 de febreiro de 2017 teremos nas “Conversas do CDLG” á etnomusicóloga Beatriz Busto Miramontes que presentará, por primeira vez na súa terra, as conclusións da súa tese de doutoramento. Baixo o título de “A Galicia proxectada no NO-DO a partir do uso do folclore musical”, a recente doutora en Antropoloxía Social levaranos a facer un percorrido polo abundante material que atopou en NO-DO para a súa tese, centrada nos anos 1943 e 1981, con especial incidencia nos usos do folclore galego na imaxe NO-DO.
A tese titulada “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981)” e dirixida polo antropólogo Dr. Juan Carlos Gimeno Martín ten coma obxecto de estudo o material audiovisual NO-DO que fai referencia á tradición musical galega entre os aos 1943 y 1981. A análise deste material é especialmente interesante porque amosa como o franquismo –os seus organismos e institucións– fixeron un uso consciente da tradición musical galega con claros intereses políticos e propagandísticos. Tanto é así, que a través das imaxes presentadas polo Noticiario Documental deste anos e que fan referencia ao musical en Galicia, poderemos ver proxectado o ideario franquista destes años través do uso específico do folclore.
Na súa investigación, a Doutora Busto, organizou os 71 materiais cinematográficos de NO-DO que foron analizados na tese atendendo a tres exercicios de poder sobre o folclore do país. Nun primeiro eixo atopanse aqueles casos no que o folclore foi usado como ferramenta de lexitimación política. En segundo lugar analízase como a imaxe NO-DO se apropiou de elementos culturais galegos na construción dun discurso estereotipante de Galicia, nun claro obxectivo de desactivación simbólica do diferencial. E, por último, a tese reflicte como ese estereotipo do galego se puxo ao servicio da promoción turística a partir dos anos sesenta, chegando incluso ate os nosos días.
Nesta conversa teremos a oportunidade de comprobar como a música pode poñerse ao servizo de fins de carácter políticos posto que, neste caso e a través do NO-DO, se fixo un uso consciente do folclore musical galego con intencións claramente políticas; usos que se foron modificando segundo as necesidades do réxime foran unhas ou outras, atendendo as súas etapas constitutiva.
A tese de Beatriz Busto Miramontes, recentemente defendidaen Madrid (o pasado 19 de decembro), mereceu a calificación máxima, Sobresaliente Cum Laude por parte dun tribunal no que se deron cita diversos especialistas entre os que se atopaban nomes como o recoñecido etnomusicólogo galego, o Dr. Luís Costa-Vázquez Mariño ou un dos grandes especialistas de NO-DO en España o Dr. Rafael Rodríguez Tranche quen asumía a presidencia do tribunal.
NOTAS SOBRE A AUTORA:
Mestra en Educación Musical pola Universidade de Vigo e Licenciada en Historia e Ciencias da Música e Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade Autónoma de Madrid acadou o Título de Doutora en Antropoloxía Social na universidade madrileña o pasado 19 de decembro 2016, merecendo a máxima cualificación. O seu percorrido investigador céntrase na construción cultural de Galicia a partir do uso folclore durante a ditadura franquista dende as perspectivas teóricas da Etnomusicoloxía.
Exerce actividade docente como especialista da área de Música no Colexio Divino Maestro nas etapas de Infantil, Primaria e Secundaria e na Escola Municipal de Musica de Santiago de Compostela onde centra o seu traballo na educación musical de alumnos de 3 a 5 anos e na área Etnomusicoloxía para alumnos adultos. A conciliación da súa vida docente e investigadora así como as diversas especialidades nas que está formada academicamente, proporciónanlle perspectivas teóricas diversas e interesantes dende as que exerce a súa actividade profesional.