Tlf: 981 57 46 57 - Mail info@cdlg.es

XORNADA REIVINDICATIVA DA HISTORIA DA ARTE 2018: 18 ABRIL-DÍA DOS MONUMENTOS

Un ano máis, a Sección de Historia da Arte (Sehag) do Ilustre Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía, en Letras e en Ciencias  de Galicia (CDLG) súmase á iniciativa promovida pola Asociación Profesional Española de Historiadores del Arte (Aproha), co motivo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios, promovido polo ICOMOS, o vindeiro 18 de abril de 2018. O evento pretende agrupar a un numeroso colectivo de historiadores da arte de toda España para levar a cabo unha serie de accións, en diferentes cidades españolas, de visibilización e concienciación ante a cidadanía sobre a importancia da protección e difusión do Patrimonio Histórico-Artístico e sobre a necesidade de regular e profesionalizar esta actividade, en especial as visitas culturais, a través da participación daqueles profesionais competentes. A iniciativa de Aproha está oficialmente respaldada polo Consejo Internacional de Monumentos y Sitios (ICOMOS) dependente da UNESCO.

Neste sentido, os Historiadores da Arte queremos dar a coñecer á sociedade a preocupante situación que presenta a difusión do Patrimonio Histórico no noso país no que atinxe á inexistencia de controis sobre a calidade e profesionalización das actividades relacionadas coa salvagarda e difusión do patrimonio cultural e a inadecuada regulación destas actividades profesionais, caracterizadas polo intrusismo profesional, a explotación laboral ou a banalización dos contidos difundidos.

En Galicia, o CDLG secunda a proposta feita por Aproha a nivel nacional, adaptando as actividades propostas ás particularidades da nosa Autonomía e centrando a xornada na cidade de Santiago de Compostela por ser a sede do CDLG pero convidando a todos os Historiadores da Arte de Galicia a participar nas súas respectivas cidades a través das seguintes opcións:

1. Campaña nas redes sociais: Coma o ano pasado, Aproha e a Sehag convidan a participar a todos os historiadores da arte realizando “selfies” ou vídeos cun cartel reivindicativo diante dun monumento da cidade na que se atopen. Animámosvos a facer unha fotografía co eslogan: “quero que sexa unha/un historiadora/or da arte o que me explique este monumento”  que podedes descargar máis abaixo para imprimir, e que a subades as nosas redes sociais (Facebook Twitter, @SehaGalicia) e ás de Aproha (@Aproha16) cos hashtags:

#quieroqueunhistoriadordelartemeenseñelosmonumentos #queroqueunhistoriadordaartepoidaexplicarmeosmonumentos

Ademáis, dende a Sehag voltamos a propoñer tamén o emprego de “Son historiador da Arte e non me permiten explicarche este monumento” para as actividades realizadas en Galicia, dado que a situación sobre as habilitacións para historiadores da arte coma guías de turismo continúa no mesmo estado que o ano pasado. É dicir, non existe unha vía para o diálogo por parte da Axencia de Turismo de Galicia que depende directamente da Consellería de Presidencia, a diferencia do que sucede noutras Comunidades Autónomas onde se ten recoñecida a habilitación directa para o noso colectivo profesional pola súa formación, producíndose deste xeito un agravio comparativo.

Realizada a acción compartirase nas diferentes redes sociais, en particular no Twitter cos seguintes hashtags: #soyhistoriadordelarte #sonhistoriadordaarte. Os carteis en galego estarán a disposición dos usuarios nesta web do CDLG (www.cdlg.es) e nas redes sociais da Sehag (Facebook Twitter, @SehaGalicia).

2. Concentración diante dos Monumentos: As 12.00 horas do día 18 de abril, na Praza do Obradoiro, realizaremos unha visita guiada, de balde, para todas aquelas persoas interesadas en apoiar a iniciativa. Para que a actividade sexa o máis homoxénea posible en toda España, dende Aproha proponse que todos os asistentes vistan unha camiseta azul (“la marea azul”). É por iso que a Sehag recomenda o emprego de prendas de vestir de cor azul durante a xornada. As citadas camisetas poden ser encargadas tamén a Aproha enviando un correo electrónico á Sehag (sehag@cdlg.es) por un prezo de 8 euros.

 3. Lectura do manifesto: Ás 13.00 horas do día 18 de abril e de xeito simultáneo en todas as cidades obxecto da concentración, procederase á lectura dun manifesto en defensa da profesionalización da Historia da Arte e, en particular, da nosa competencia en materia de difusión do Patrimonio Histórico-Artístico. Dende Aproha propúxose un texto coa intención de consensuar os contidos do mesmo para que a reivindicación sexa uniforme en toda España. En Galicia, daremos lectura ao manifesto tamén na Praza do Obradoiro.

Convidamos aos historiadores da arte doutras cidades galegas a sumarse á iniciativa. Para que todas estas actividades poidan ser sincronizadas e tidas en consideración á hora de facer a comunicación aos medios, podedes enviar as vosas propostas e ideas ao enderezo electrónico sehag@cdlg.es ou ben a través das redes sociais da Sehag.

Por último, deixámosvos os carteis en galego en dous formatos: jpg e pdf.

(Se ides pasar estes días libres fóra de Galicia e preferides os formatos en castelán ou inglés, atoparédelos na web de Aproha)

 

CARTEL 18_GAL_HistoriadorajpgCARTEL 18_GAL_HistoriadorjpgCARTEL 18_GAL_Son historiadoraCARTEL 18_GAL_Son historiador

 

 

 

 

 

 

 

CARTEL 18_GAL_HISTORIADORA

CARTEL 18_GAL_HISTORIADOR PDF

CARTEL 18_GAL_SON HISTORIADORA

CARTEL 18_GAL_SON HISTORIADOR

PROGRAMACIÓN 18 ABRIL_GAL