Tlf: 981 57 46 57 - Mail info@cdlg.es

18 de abril de 2017: Xornada reivindicativa da Historia da Arte no Día Internacional dos Monumentos e Sitios Históricos.

Sección de Historia da Arte (Sehag) do Ilustre Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía, en Letras e en Ciencias  de Galicia (CDLG), en colaboración co Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC), súmase á iniciativa promovida pola Asociación Profesional Española de Historiadores del Arte (Aproha) co motivo da celebración o 18 de abril do Día Internacional dos Monumentos e Sitios promovido polo ICOMOS. O evento pretende agrupar a un numeroso colectivo de historiadores da arte de toda España para levar a cabo unha serie de accións, en diferentes cidades españolas, de visibilización e concienciación ante a cidadanía sobre a importancia da protección e difusión do Patrimonio Histórico-Artístico e sobre a necesidade de regular e profesionalizar esta actividade, en especial as visitas culturais, a través da participación daqueles profesionais competentes. A iniciativa de Aproha está oficialmente respaldada polo Consejo Internacional de Monumentos y Sitios (ICOMOS) dependente da UNESCO.

Neste sentido, os Historiadores da Arte queremos dar a coñecer á sociedade a preocupante situación que presenta a difusión do Patrimonio Histórico no noso país no que atinxe á inexistencia de controis sobre a calidade e profesionalización das actividades relacionadas coa salvagarda e difusión do patrimonio cultural e a inadecuada regulación destas actividades profesionais, caracterizadas polo intrusismo profesional, a explotación laboral ou a banalización dos contidos difundidos.

En Galicia, o CDLG secunda a proposta de Aproha coa inestimable colaboración do Departamento de Historia da Arte da USC, adaptando as actividades propostas por Aproha ás particularidades da nosa Autonomía e centrando a xornada na cidade de Santiago de Compostela por ser a sede do CDLG e da USC pero convidando a todos os Historiadores da Arte de Galicia a participar nas súas respectivas cidades a través das seguintes opcións:

1. Campaña nas redes sociais “Autoexplícate un Monumento”: Aproha e Sehag convidan a participar a todos os historiadores da arte realizando “selfies” ou vídeos cun cartel reivindicativo diante dun monumento da cidade na que se atopen. Dende a Sehag propoñemos o emprego de “Son historiador da Arte e non me permiten explicarche este monumento” para as actividades realizadas en Galicia. Realizada a acción compartirase nas diferentes redes sociais, en particular no Twitter cos seguintes hashtags: #soyhistoriadordelarte #sonhistoriadordaarte. Os carteis en galego estarán a disposición dos usuarios na web do CDLG (www.cdlg.es) e nas redes sociais da Sehag (www.facebook.com/SehaGalicia e o Twitter @SehaGalicia).

2. Concentración diante dos Monumentos: Aproha lanzou a convocatoria de que ás 11.00 horas do día 18 de abril, diante de monumentos significativos e/ou emblemáticos das nosas cidades, realicemos unha concentración reivindicativa de historiadores da arte. Para que a actividade sexa o máis homoxénea posible en toda España, dende Aproha proponse que todos os asistentes vistan unha camiseta azul (“la marea azul”) co seguinte lema: “Soy Historiador del Arte y no me permiten explicarte los Monumentos”. É por iso que a Sehag recomenda o emprego de prendas de vestir de cor azul durante a xornada. As citadas camisetas poden ser encargadas tamén a Aproha enviando un correo electrónico á Sehag (sehag@cdlg.es) por un prezo de 8 euros.

En Galicia a concentración oficial terá lugar na Facultade de Xeografía, Historia e Historia da Arte da USC en Santiago de Compostela, grazas á colaboración do Departamento de Historia da Arte da USC. Un profesor do departamento fará unha visita guiada aberta e gratuíta ao Paraninfo da USC en Santiago de Compostela para calquera persoa que desexe asistir.

A Sehag convida a todos os historiadores da arte de Galicia a unirse á convocatoria, facendo concentracións noutras cidades e a compartir as imaxes do evento a través das redes sociais cos hastags #sonhistoriadordaarte #soyhistoriadordelarte

 3. Lectura do manifesto: Ás 12.00 horas do día 18 de abril e de xeito simultáneo en todas as cidades obxecto da concentración, procederase á lectura dun manifesto en defensa da profesionalización da Historia da Arte e, en particular, da nosa competencia en materia de difusión do Patrimonio Histórico-Artístico. Dende Aproha propúxose un texto coa intención de consensuar os contidos do mesmo para que a reivindicación sexa uniforme en toda España. A lectura do manifesto en Galicia terá lugar na Facultade de Xeografía, Historia e Historia da Arte da USC.

4. Actividades lúdicas: Con carácter aberto, dende Aproha e a Sehag convidamos aos participantes de cada cidade a programar actividades (talleres, visitas guiadas, etc.) para concienciar á sociedade sobre a importancia da visita pública como medio de protección e conservación do Patrimonio Histórico-Artístico. Estas actividades realizaranse tras a lectura do manifesto.

En Santiago de Compostela, organizaranse visitas culturais abertas e de balde, realizadas por historiadores da arte, a fachadas de monumentos emblemáticos da cidade, entre as 12:30 e as 13:30 horas. Convidamos aos historiadores da arte doutras cidades galegas a sumarse á iniciativa. Para que todas estas actividades poidan ser sincronizadas e tidas en consideración á hora de facer a comunicación aos medios, podedes enviar as vosas propostas e ideas ao enderezo electrónico sehag@cdlg.es ou ben a través das redes sociais da Sehag.

Día monumentos-Aproha_CDLG_USC

Día monumentos-Programación Galicia

Día monumentos-Programación Santiago

cartel-18 GZ Historiador

cartel-18 GZ Historiadora

cartel-18 GZ Quero

 

 

cartel-18 GZ Historiadorcartel-18 GZ Historiadoracartel-18 GZ Quero