Participamos no Pleno do Consejo General de Colegios de Doctores y Licenciados en Filosofía y Letras y Ccias.

A decana do noso Colexio, Maricarmen García Cabezudo, asistiu o sábado  13 de xuño ao Pleno do Consejo General de Colegios de Doctores y Licenciados en Filosofía y Letras e en Ciencias, órgano no que están representadas todas as corporacións territoriais de España.

A reunión, celebrada en Madrid, reuniu aos decanos e decanas dos 23 colexios profesionais que integran o Consejo General, e permitiu poñer en común as principais inquedanzas, retos e liñas de actuación das distintas corporacións.

Entre os obxectivos prioritarios abordados destacou a defensa das profesións representadas polos colexios e a reivindicación da colexiación obrigatoria como unha ferramenta fundamental para reforzar a protección profesional, a representación colectiva e a defensa dos intereses das persoas colexiadas.

Durante o encontro tamén se subliñou a importancia de achegar o labor dos colexios ás novas xeracións de graduados e licenciados, fomentando a súa incorporación e participación activa nestas institucións profesionais.

No ámbito da arqueoloxía profesional, o Consejo  General insistiu  na relevancia do IV Congreso Internacional de Arqueoloxía Profesional, que se celebrará en Alicante o próximo mes de outubro, como un espazo de encontro, intercambio de experiencias e posta en valor da profesión. Así mesmo, destacouse a continuidade dos encontros virtuais periódicos de arqueólogos dos distintos colexios territoriais, celebrados cada mes ou mes e medio, como un foro de participación no que abordar as necesidades do colectivo, compartir problemáticas comúns e buscar respostas coordinadas ante os retos da profesión.

O Pleno puxo de manifesto a importancia de manter unha organización colexial unida e activa, capaz de dar resposta ás necesidades das persoas profesionais dos ámbitos humanístico, científico, educativo e cultural.

+ Info Congreso: https://www.consejogeneralcdl.es/Arqueolog-a/IV-Congreso-Nacional-de-Arqueolog-a-Profesional/index.php/