A Sección de Historia da Arte (SEHAG) do CDLG retoma as “Conversas do CDLG” logo da pausa estival coa conversa titulada Un experto científico ante a sociedade: Antonio Casares Rodríguez (1812-1888) e as súas controversias que terá lugar o sábado 1 de outubro ás 12 horas na Sede do CDLG en Compostela.
Nesta cita mensual, que xa leva dous anos de andaina, os historiadores da arte atoparon un espazo para o encontro e a reflexión multidisciplinar, dando a coñecer proxectos actuais de interese nun ambiente distendido e fomentando a interacción e o intercambio de experiencias entre historiadores da arte e profesionais das doutras disciplinas.
Deste interese polo intercambio de experiencias con expertos doutras áreas afíns, xurde a conversa proposta para o mes de outubro onde a doutora en Historia da Ciencia pola USC, María Luisa Losada Sanmartín, achegaranos algúns dos contidos da súa tese de doutoramento ‘Antonio Casares. Ideología, ciencia y sociedad en la Universidad de Santiago en el siglo XIX’ dedicada á personalidade sumamente complexa do célebre científico monfortino Antonio Casares.
A conversa ‘Un experto científico ante a sociedade: Antonio Casares Rodríguez (1812-1888) e as súas controversias’ xirará en torno ao estudo das polémicas que envolven as vidas dos científicos de calquera época, un dos temas preferidos de moitos historiadores da ciencia dado que a través das disputas científicas pódense estudar moitos aspectos da sociedade que a produce: dende como e onde ten orixe a polémica e as ideas e resultados a debate, ata os intereses políticos e económicos en xogo, pasando polas estratexias e intereses persoais e disciplinares dos propios expertos para xustificar a súa postura ou a súa autoridade. É precisamente neste contexto onde María Luisa Losada sitúa nesta ocasión á figura de Antonio Casares: no ámbito da polémica pública. Descubriremos da súa man quen mantivo discrepancias científicas dun modo público con Casares, as razóns das mesmas, e se chagaron ou non a un consenso final. Entre outras cousas, haberá un lugar para a reflexión sobre as relacións entre expertos e profanos coa ciencia, o exercicio da profesión e as implicacións sociais do coñecemento e da circulación do saber científico.
María Luisa Losada Sanmartín é historiadora da ciencia. Licenciada en Física (1991) e en Xeografía e Historia (1997), e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela (2016), adicou gran parte das súas investigacións e publicacións ao estudo da política e a ciencia no século XIX. En 2012 formou parte do equipo responsable da exposición conmemorativa do bicentenario do nacemento de Antonio Casares, e en 2013 publicou a biografía Antonio Casares Rodríguez, médico, químico e farmacéutico (Ouvirmos Edicións). A súa tese de doutoramento xirou arredor da figura de Antonio Casares Rodríguez, químico, médico e farmacéutico, profesor e político, divulgador da ciencia e escritor, clave na educación e a ciencia e a súa divulgación en Galicia no século XIX. É autora tamén de numerosas conferencias e artigos de prensa, así como de comunicacións a congresos.
Ao remate da conversa, como é habitual, os asistentes poderán gozar dun viño cortesía de bodegas “Alberte”. O evento terá lugar o sábado 1 de outubro ás 12 h. na sede do CDLG (no número 30 da Rúa San Clemente) en Compostela. Como o aforo é limitado, recoméndase reservar unha cadeira no seguinte enderezo electrónico: sehag@cdlg.es