CONVERSAS DO CDLG. Cores que agardan baixo o cal. Unha aproximación científica á pintura mural d´a Ribeira Sacra.

 A pintura mural en Galicia constitúe un patrimonio cultural aínda relativamente descoñecido. De feito, ata non hai tantas décadas, considerábase que apenas existían murais en Galicia. Nembargantes, o crecente número de pinturas que se foron descubrindo baixo as capas de encalado dos muros ou tras dos retablos nas igrexas cambiou a idea sobre o alcance real do muralismo galego, suxerindo que as pinturas murais debían de ser en realidade unha das formas máis comúns de decoración. O que ocorreu foi unha sistemática destrución ou ocultación dos murais galegos a finais do século XVI, por razóns de conservación, cambio no gusto estético e hixiene ante as frecuentes epidemias. Trátase polo tanto dun patrimonio que require ser estudado, protexido e posto en valor. Con estes obxectivos púxose en marcha un proxecto multidisciplinar na USC: “Avaliación de riscos da pintura mural da Ribeira Sacra”, no marco do cal investigáronse os axentes que ameazan a conservación do abundante e valioso patrimonio mural desta rexión galega aplicando metodoloxías de avaliación de riscos innovadoras. Por unha banda, estudáronse os riscos intrínsecos, é dicir, aqueles relacionados cos materiais que compoñen as pinturas e o seu estado de conservación, para o que se analizaron os pigmentos e a técnica pictórica empregada aplicando múltiples técnicas analíticas, in situ e no laboratorio. Por outra banda, determináronse os riscos extrínsecos, relacionados co medioambiente, para o que se monitorizaron durante un ano os parámetros de temperatura, humidade e contaminación no entorno das pinturas. A partir destes resultados avaliáronse os principais riscos para os murais, relacionados co mal estado dos edificios e as filtracións de auga no interior, niveles inadecuados de humidade e fluctuacións excesivas de temperatura, cristalización de sales e colonización biolóxica.