Ante a noticia da aprobación definitiva da nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia na sesión parlamentaria do 26 de abril de 2016 o Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG) quere comunicar a súa desconformidade coa forma na que esta normativa tan importante para a conservación e salvagarda do patrimonio cultural de Galicia foi tramitada, sen que tivera lugar consenso parlamentario nin cidadá e sobre os graves erros de fondo e de contido que nesta Lei se recollen.
Sobre o proceso levado a cabo, o CDLG desexa manifestar publicamente o seu malestar pola ausencia de vontade de diálogo cos profesionais implicados na salvagarda patrimonial. Dende o inicio da tramitación da normativa o CDLG púxose en contacto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a fin de concertar unha cita para intercambiar impresións sobre os contidos da futura Lei co Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, dado que este colexio abrangue ó maior número de profesionais dedicados á conservación do patrimonio de distintas disciplinas (historiadores da arte, arqueólogos, profesionais das ciencias relacionadas coa conservación do patrimonio…), sendo de especial relevancia a súa Sección de Historia da Arte (SEHAG).
A Xunta de Galicia non fixo partícipe ao CDLG na súa rolda de contactos. Posteriormente, no prazo de alegacións previsto, o CDLG presentou alegacións a 11 dos seus artigos e algunhas de carácter xeral, sendo unha parte das 484 alegacións emitidas por 60 entidades diversas que non foron tidas en conta ao igual que as máis de 600 emendas propostas polos distintos partidos da oposición, das cales só se aceptaron 66. Os datos poñen de manifesto que esta Lei foi aprobada sen consenso político nin social.
O colectivo dos historiadores da arte son os profesionais capacitados para levar a cabo as tarefas de documentación do patrimonio cultural, entre outras funcións relacionadas directamente coa salvagarda, difusión e posta en valor do patrimonio cultural. Sen embargo este tipo de especialistas capacitados -ao carecer dun corpo específico de persoal funcionario nas administracións competentes onde outros profesionais coma os arquitectos ou os arqueólogos si contan coa súa categoría específica- están a ser constantemente excluídos dunhas reflexións que atanguen á súa actividade profesional.
O CDLG lamenta que coa tramitación desta Lei a Xunta deixa pasar novamente a oportunidade de ofrecer unha mellor regulación destas actividades profesionais, sen garantir a asistencia e desenvolvemento do seu traballo. Non só a Administración non adquire o compromiso de regular as actividades dos profesionais do patrimonio no referente á documentación, protección, conservación, rehabilitación, divulgación e posta en valor do patrimonio cultural senón que, de xeito preocupante, traslada competencias nestas materias aos concellos sen especificar de xeito concreto os requisitos e os medios técnicos que serán necesarios para o correcto desenvolvemento das súas novas funcións.
A valoración do patrimonio en función de datacións específicas e feitas, ademais, sen ningún tipo de reflexión previa ao respecto, supón un claro retroceso na evolución da normativa patrimonial que ata agora incidía nos valores culturais e sociais intrínsecos aos bens culturais en si mesmos.
Así mesmo, consideramos que a definición de patrimonio artístico que propón a Lei responde a unha visión tremendamente reducionista para un concepto tan amplo. Aínda que a súa definición é motivo de constante debate, a arte é xeralmente e internacionalmente entendida coma calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética e/ou comunicativa, mediante a cal a humanidade expresa ideas e emocións a través de diversos recursos e que permanece no tempo coma testemuña dunha cultura. Reducir o concepto de arte unicamente ao que entendemos coma artes plásticas ou artes decorativas ou entender a arte como mero ornamento supón a consideración de que todo o que non se cinga a este tipo de obxectos non ten vontade artística e iso é un gravísimo erro nunha normativa coma esta.