A xornada de reivindicación da Historia da Arte en imaxes

 

 

1. Lectura manifesto Aproga-Juan Monterroso2. Lectura do manifesto Aproha-Juan Monterroso

 

Concentración de Historiadores da Arte polas rúas de Compostela no Día dos Monumentos e dos Sitios.

A xornada de reivindicación dos profesionais da Historia da Arte visibilizou a necesidade de regular e profesionalizar as actividades relacionadas coa protección e divulgación do patrimonio cultural en toda España.

O 18 de abril de 2017, co motivo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios promovido polo ICOMOS, a Asociación Profesional Española de Historiadores del Arte (Aproha) impulsou a realización dunha xornada reivindicativa dos e das profesionais da Historia da Arte, agrupando a un numeroso colectivo de historiadores e historiadoras da arte de toda España, que realizaron diversas actividades co respaldo do citado organismo internacional. Sección de Historia da Arte (Sehag) do Ilustre Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía, en Letras e en Ciencias  de Galicia (CDLG) en colaboración co Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) secundaron a convocatoria, acollendo o evento en Galicia.

O colectivo profesional da Historia da Arte, a través da lectura do manifesto promovido por Aproha, deu a coñecer á sociedade a preocupante situación que presenta a salvagarde e difusión do Patrimonio Histórico-Artístico no noso país, no que atinxe á súa inadecuada regulación e á inexistencia de controis sobre a calidade e profesionalización das actividades realizadas en torno aos bens culturais que o conforman, caracterizadas polo intrusismo profesional, a explotación laboral ou a banalización dos contidos difundidos.

As actividades realizadas en Galicia, organizadas pola Sehag, tiveron o seu punto álxido cando o director do departamento de Historia da Arte da USC, Juan M. Monterroso Montero, deu lectura o manifesto de Aproha para os asistentes á xornada en Santiago de Compostela ás 12 da mañá. Nesta ocasión, dado que o Día Internacional dos Monumentos e Sitios adicábase ao Patrimonio Cultural e o Turismo Sostible, o manifesto de Aproha incidía particularmente na necesidade de regular e profesionalizar as actividades en torno ás visitas culturais e turísticas, a través da participación daqueles profesionais competentes no coñecemento, estudo e valoración dos bens culturais que forman parte das mesmas, destacando o caso dos Historiadores da Arte. Posteriormente, investigadores e investigadoras da USC realizaron visitas guiadas pola cidade de Santiago de Compostela.

A Sehag sinalaba na súa convocatoria para Galicia que a situación na nosa autonomía resulta especialmente preocupante, dado que non existe ningunha normativa que regule a actividade dos historiadores da arte e a súa relación cos bens culturais obxecto de estudo, como sí sucede con profesionais de sectores afíns coma a arqueoloxía ou o turismo. A Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia -para a cal a Sehag presentou varias alegacións que non se tiveron en consideración- pasou por alto estas cuestións e o Decreto 73/2015 polo que se regula a profesión de guía de turismo en Galicia excluía aos profesionais da historia da arte da posibilidade de acadar a habilitación, o que supón un agravio comparativo a nivel nacional dado que noutras comunidades autónomas coma Andalucía, cando menos, existe a opción da validación administrativa directa.

A xornada reflictiuse tamén nas redes sociais a través da campaña“Autoexplícate un Monumento” cos cancelos #sonhistoriadordaarte #soyhistoriadordelarte. Mediante a mesma, Aproha e Sehag convidaron a realizar “selfies” ou vídeos con carteis realizados para a ocasión reivindicando o dereito dos historiadores da arte a explicar os monumentos.

3. Visita guiada Paraninfo USC-Juan Monterroso 5. Visita guiada San Fiz-Paula Pita 7. Visita guiada Igrexa Universidade-María Rivo 8. Juan Monterroso atende aos medios7. Visita guiada Paraninfo-Juan Monterroso8. Visita guiada Salomé-Marina Garzón9. Juan Monterroso lee manifesto Aproha10. Visita guiada Ánimas-Carla Fernández