A sección de Historia da Arte do Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía, Letras e Ciencias de Galicia nace froito do traballo en común entre o CDLG e a Asociación Profesional de Historiadores da Arte de Galicia. En diferentes reunións de traballo levadas a cabo ao longo do 2013 os membros da xunta directiva da Aphag e da xunta de goberno do CDLG decidiron unir esforzos ao detectar que estaban a traballar nos mesmos obxectivos: a defensa e dignificación do traballo dos profesionais aos que representaban.
A consecución da categoría de colexiados para os profesionais que conformaban a Aphag era unha vella reivindicación do colectivo e polo tanto un dos principais obxectivos a acadar por esta asociación que viña traballando na delimitación das labores profesionais dos historiadores da arte dende o 2006. Así, a aprobación da creación da sección propia de historia da arte en marzo de 2014 significou para os membros da Aphag a equiparación dos seus dereitos e categoría aos do resto de profesionais da historia da arte do Estado e polo tanto a consecución da súa principal meta. Pola súa banda para o CDLG a creación da súa primeira sección oficial supuxo situarse tamén ao mesmo nivel que o resto de Colexios de España que dende tempo atrás viñan creando este tipo de sección coa finalidade de dar resposta as necesidades específicas de todos os colectivos que abrangue un Colexio destas características, tan senlleiro como heteroxéneo. O CDLG viña traballando xa na práctica precisamente en atender as especificidades dos seus colexiados e sonadas foron por poñer un exemplo xa as metas acadadas por parte dos colexiados con especialidade en arqueoloxía. Sen embargo, será a Sección de Historia da Arte a primeira en conformarse de forma oficial e ben seguro que será a primeira de moitas das seccións que se conformarán a partir deste 2014.
Denominación, fins, domicilio e ámbito
Artº 1º: Denominación.
Baixo a denominación de Sección de Historia da Arte, constitúese en Santiago de Compostela unha sección específica que agrupa aos profesionais licenciados en historia da arte que están colexiados no Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia.
Artº 2º: Personalidade e capacidade.
A sección constitúese ao amparo do Regulamento do Colexio, polas disposicións recollidas no presente regulamento, así como por aquelas normativas vixentes que lle sexan de aplicación.
A sección goza de autonomía e capacidade de acción para a súa organización e funcionamento interno, podendo neste ámbito tomar decisións e emprender iniciativas, informando sempre á Xunta de Goberno das súas accións e precisando da súa aprobación para aquelas que afecten ao Colexio.
Artº 3º: Domicilio.
O domicilio social da sección será o mesmo que o do Colexio.
Artº 4º: Ámbito de actuación.
O ámbito territorial da sección será o mesmo establecido para o Colexio, correspondéndose este ao territorio autonómico de Galicia.
Artº 5º: Duración.
A sección constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a esta normativa, por vontade dos colexiados pertencentes á sección expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou por causas previstas na lexislación vixente.
Capítulo II
Obxecto da Sección
Artº 6º: Fins.
• A Sección de Historia da Arte ten como fins, baixo o amparo do Colexio:
• Representar e defender as necesidades e criterios profesionais dos seus membros e a xestión e defensa dos seus intereses lexítimos.
• Fomentar o permanente perfeccionamento dos seus membros, de acordo coa evolución das técnicas e as necesidades da Historia da Arte. Establecer criterios para a formación dos futuros profesionais.
• Destacar ante a sociedade a riqueza do Patrimonio Artístico e Cultural e a necesidade duns profesionais especificamente formados que garantan a súa adecuada conservación, documentación, investigación e difusión
• Defender a Historia da Arte como disciplina autónoma con competencias profesionais diferenciadas e con medios, métodos e ferramentas propias. Non obstante, promoverase a colaboración interdisciplinaria con outras áreas do coñecemento.
• Promover e defender como perfís profesionais da disciplina da Historia da Arte os seguintes:
• Protección e xestión do patrimonio Histórico-Artístico e Cultural no ámbito institucional e empresarial: catalogación de conxuntos monumentais, planeamento urbanístico, asesoría técnica e ditames histórico-artísticos, xestión de programas, recursos humanos.
• Conservación, exposición e mercado de obras de arte: museos, centros de arte e cultura, arquivos e centros de imaxe (fototecas, filmotecas,…), poxas e expertizaxe, anticuarios e peritaxe, comisariado artístico.
• Difusión do Patrimonio Artístico: interpretación, turismo cultural, programas didácticos.
• Investigación e docencia: universidade, institutos científicos, escolas de artes e oficios, escolas de turismo, escolas de deseño, ensinanzas medias.
• Produción documental e divulgación dos contidos da Historia da Arte: traballo especializado en editoriais, medios de comunicación, novas tecnoloxías audiovisuais e de soporte electrónico.
• Fomentar e promover o coñecemento, protección, difusión e posta en valor do Patrimonio Artístico e Cultural, potenciando o seu valor como medio de divulgación cultural, educativa e científica.
• Contribuír á formación e perfeccionamento de estudantes, investigadores e educadores do ámbito da Historia da Arte e de todo o relativo a ela. Incluída a formación permanente de profesorado.
• Promover e fomentar actividades de formación e de divulgación da Historia da Arte, no ensino regulado e non regulado, e con especial atención ao ámbito universitario.
• Servir de órgano de comunicación e intercambio de ideas, documentación e divulgación das mesmas entre persoas físicas e xurídicas que investiguen, escriban ou estuden a Historia da Arte de xeito profesional.
• Promover e divulgar os coñecementos culturais e científicos dos membros da mesma no ámbito local, autonómico, nacional ou internacional.
• Colaborar con Entidades públicas ou privadas que desenvolvan actividades de estudo, divulgación ou investigación en materias relacionadas coa Historia da Arte.
• Contribuír á sensibilización dos poderes públicos e da sociedade en xeral, en canto ás necesidades culturais dos cidadáns.
• Para conseguir estes fins, esta Sección poderá realizar cantas actividades lícitas considere oportunas, ao amparo do Colexio, especialmente:
• Promover e fomentar congresos, xornadas, encontros, certames, charlas, conferencias e calquera outro foro de debate científico-técnico que contribúa aos fins da Sección.
• Promover e fomentar actividades formativas e divulgativas, especialmente, cursos, seminarios, talleres, ciclos temáticos e visitas culturais.
• Promover actividades formativas de capacitación profesional.
• Promover ou convocar concursos, premios, bolsas e axudas para a formación e a investigación
• Promover e fomentar equipos de investigación, así coma organizar actividades científicas de investigación de carácter profesional.
• Editar e publicar, en calquera dos soportes posibles, catálogos, guías, material didáctico, revistas, cuxos temas sexan do ámbito de estudo de dita Sección, promovendo especialmente a publicación de traballos dos seus membros da sección.
• Elaborar e elevar propostas ás distintas administracións sobre as necesidades culturais dos cidadáns.
• Difundir as actividades da Sección a través da súa relación cos medios de comunicación.
• Calquera outra actividade que se considere conveniente e que responda aos fins da Sección.
• Realizar actividades relacionadas coa formación permanente do profesorado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia
Capítulo III
Órganos de Goberno e Representación
Artº 7º: Dos órganos de goberno e representación.
Os órganos de goberno e de representación da Sección serán a Asemblea Xeral de Membros da sección e a Xunta Directiva.
Sección 1ª
A Asemblea Xeral de Membros da Sección
Artº 8º: Da Asemblea Xeral de Colexiados adscritos á Sección de Histora da Arte.
• A Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno e estará integrada por todos os membros da sección, coas limitacións que establezan o presente regulamento de acordo coa lexislación vixente. Ás Asembleas poderán asistir todos os membros do Colexio non adscritos con voz pero sen voto así como todos aqueles membros que pola súa representatividade poidan ser invitados pola xunta.
• A Asemblea Xeral adopta os seus acordos polo principio de maioría democrática e debe reunirse, cando menos, unha vez ao ano.
• A Asemblea pode ter carácter Ordinario e Extraordinario.
Artº 9º: Sobre a convocatoria das Asembleas.
• As Asembleas serán convocadas polo Presidente da Sección, por iniciativa propia, por acordo da Xunta Directiva ou por solicitude firmada, por, cando menos, un terzo dos membros da sección que se atopen en pleno uso dos seus dereitos civís.
• Acordada pola Xunta Directiva a convocatoria da Asemblea Xeral, o Presidente terá que convocala no prazo máximo de quince días naturais contados dende a data do acordo.
• A solicitude de convocatoria de Asemblea Xeral efectuada polos membros da sección, deberá conter a orde do día da sesión, achegando a información precisa para a adopción dos acordos. Do mesmo xeito, deberá conter un listado cos membros da sección que avalan dita solicitude na que figure o seu nome e apelidos, DNI e sinatura, facéndose constar en dito listado a solicitude de convocatoria e o obxecto da mesma.
• A devandita solicitude deberá ser presentada por duplicado ao Secretario da Sección, o cal selará unha copia para a súa entrega ao presentador da mesma.
• O Secretario, despois de comprobar os requisitos formais da convocatoria, dará conta inmediata ao Presidente para que, no prazo de quince días dende a súa presentación, convoque a Asemblea, que deberá celebrarse nun prazo non superior a corenta e cinco días dende a data da presentación da mencionada solicitude. No caso de que dita convocatoria carecese dos requisitos formais de convocatoria, o Secretario ha considerala coma non formulada, arquivándoa e comunicándollo ao membro da Sección que encabece a lista.
• No caso de que o Presidente non convoque a Asemblea no prazo dos quince días seguintes ou convocase a Asemblea nun prazo posterior ao mes dende a solicitude, os promotores estarán lexitimados para proceder á convocatoria da Asemblea Xeral, expresando ditos extremos na convocatoria, a cal irá asinada pola persoa que encabece a lista da solicitude.
Artº 10º: Forma da convocatoria
• A convocatoria efectuada polas persoas lexitimadas para iso, de acordo co artigo anterior, deberá ser comunicada cunha antelación de, cando menos, quince días antes da celebración da Asemblea.
• A convocatoria deberá conter a orde do día, así coma o lugar, data e hora da súa celebración.
Artº 11º: Da Asemblea Xeral Ordinaria.
• Corresponde á Asemblea Xeral Ordinaria:
• Examinar e aprobar, se procede, as contas e o balance do exercicio.
• Examinar e aprobar, se procede, os presupostos do exercicio.
• Aprobar, se procede, a memoria de actividades.
• Aprobar, se procede, a xestión da Xunta Directiva.
• Aprobar, se procede, o programa de actividades.
Artº 12º: Da Asemblea Xeral Extraordinaria.
• Fóra dos puntos da orde do día expresados no artigo anterior, para a adopción de calquera acordo requirirase a convocatoria de Asemblea Xeral Extraordinaria.
• Corresponde á Asemblea Xeral Extraordinaria:
• Nomear e revogar os cargos da Xunta Directiva.
• Aprobar, se procede, a modificación do Regulamento da Sección.
• Aprobar, se procede, a disolución da Sección.
• Aprobar, se procede, a expulsión de membros da Sección.
• Aprobar, se procede, a creación de federacións ou a integración da Sección dentro delas.
• Aprobar, se procede, a remuneración dos membros dos órganos de representación da Sección.
• Examinar, deliberar e aprobar, se procede, calquera outro asunto que non estea expresamente encomendado á Asemblea Xeral Ordinaria.
Artº 13º: Constitución da Asemblea.
• Para que a Asemblea, tanto Ordinaria coma Extraordinaria, poda constituírse validamente será necesaria a asistencia, en primeira convocatoria, da metade máis un dos membros da Sección. No caso de que non sexa efectivo este suposto e transcorridos trinta minutos poderase constituír, en segunda convocatoria, a Asemblea coa participación dos membros asistentes á mesma.
Os acordos aprobados conforme os preceptos arriba sinalados, e que non vulneren ningún artigo dos presentes estatutos nin da legalidade vixente, serán obrigatorios para todos os membros da sección, engadidos os non asistentes.
• Para o cómputo de membros da sección ou número de votos total, as representacións deberanse presentar ao Sr. Secretario antes do inicio da sesión.
• O Presidente e o Secretario da Sección asumirán esta tarefa ao comezo da reunión.
Artº 14º: Deliberación e adopción de acordos.
• Tódolos asuntos deliberaranse e votaranse na orde en que figuran na orde do día.
• Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas.
• Os acordos relativos á disolución da Sección, modificación do Regulamento e remuneración dos membros da Xunta Directiva requirirán maioría dos 2/3 dos membros da sección.
• Os acordos da Asemblea Xeral que afecten á denominación da Sección, domicilio, fins e actividades estatutarias, designación dos membros da Xunta Directiva, apertura e peche de delegacións, constitución de federacións, confederacións e unións, disolución ou as modificacións estatutarias hanse de comunicar ao Rexistro de Seccións para a súa inscrición no prazo dun mes dende que se produza o acordo.
Artº 15º: Delegacións de voto e representacións.
• A representación ou delegación de voto será só válida para a sesión ou convocatoria pola que se expida, sendo nula calquera delegación ou representación indefinida.
• Haberase de facer constar por escrito, con indicación dos datos persoais e número de membro da Sección do delegante e representado, asinado e rubricado por ámbolos dous.
• A delegación do voto dunha persoa xurídica deberá comprender as seguintes circunstancias:
• Recaer sobre un membro da Sección con pleno dereito de voto e no que non concorran ningunha das limitacións, recollidas nos estatutos, para o mesmo.
• Será representada por un ou varios dos administradores da mesma. Estes deberán ser convenientemente identificados por poder persoal (cabe que este sexa notarial) ou polas escrituras de constitución do ente xurídico (inscritas no Rexistro Mercantil correspondente) para a devandita Asemblea.
• No caso de delegación do voto por parte dos administradores do ente xurídico; este deberá recoller as mesmas observacións que as correspondentes a calquera membro da Sección membro da Sección. Recollidas no primeiro parágrafo do presente artigo.
Sección 2ª
Da Xunta Directiva
Artº 16º: Composición e duración.
• A Xunta Directiva é o órgano colexiado de goberno, representación e administración da Sección, sen prexuízo das potestades da Asemblea Xeral.
• Estará composta necesariamente polos postos de dirección, vicedirección, secretaría, e dúas vogalías.
• A duración do mandato dos membros da Xunta Directiva será por catro anos, podendo ser reelixidos por outros catro anos.
Artº 17º: Funcionamento.
• A Xunta Directiva reunirase, cando menos, unha vez ao mes, e en todo caso, cando o solicite algún dos membros.
• Para a válida constitución da Xunta Directiva, a efectos de celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos, deberán estar presentes o director e o Secretario. No caso de que non estean, deberase nomear a quen os substitúa.
• Os acordos adoptaranse por maioría simple en primeira convocatoria. No caso de segunda convocatoria, adoptaranse por maioría simple dos presentes na Asemblea. No caso de empate decidirá o voto director.
• Non se poderá adoptar ningún acordo que non figure na orde do día, agás que, estando presentes tódolos membros da Xunta Directiva, o acorden por unanimidade.
• A Xunta Directiva quedará validamente constituída, sen convocatoria previa, cando, estando presentes tódolos membros, así se acorde por unanimidade. As Xuntas así constituídas recibirán a denominación de Xunta Directiva Universal.
• A propia Xunta Directiva designará de entre os vogais a quen teña que substituír ó ao Secretario, en caso de ausencia por causa xustificada. No caso de que non houbera posibilidade de substitución, as competencias asignadas a estes directivos repartiranse entre os distintos membros da Xunta Directiva presentes na Asemblea.
• A convocatoria, cos seus elementos formais (orde do día, lugar e data), farase chegar cunha antelación mínima de corenta e oito horas á súa celebración, sen prexuízo para o disposto sobre a Xunta Directiva Universal.
• A asistencia á Xunta Directiva é obrigatoria; no caso de non poder asistir, comunicarase por escrito ao director da Sección con antelación mínima de vintecatro horas.
• Os integrantes da Xunta Directiva poderán recibir retribucións en función do cargo se así o aproba a Asemblea Xeral de Membros da sección e queda debidamente reflectido nos presupostos e balances de contas anuais.
• En todo caso, os membros da Xunta Directiva poderán recibir retribucións da Sección pola prestación de servizos de carácter laboral ou profesional distintos dos que implica o desempeño das funcións que lles corresponde como membros dos órganos de representación.
Artº 18º: Elección de membros da Xunta Directiva.
• A Xunta Directiva será elixida en Asemblea Xeral Extraordinaria cada catro anos polos membros da sección presentes e representados mediante sufraxio libre e secreto.
• As eleccións convocaranse cun mínimo de sesenta días de antelación e a elas poderán concorrer tódolos membros da sección en activo que estean ó corrente no pago das cotas.
• As candidaturas presentaranse nun prazo máximo de vinte días a partir da convocatoria, especificando a concorrencia ós cargos de Dirección, Vicedirección, Secretaría, ou Vogalías. Tamén poderase presentar un equipo completo de cargos. Todos eles faranse públicos con mínimo de vinte días de antelación á data da votación.
• Realizarase unha soa votación mediante unha única papeleta. Consideraranse nulas as papeletas que conteñan un número maior de nomes ou as que teñan nomes de persoas non elixibles.
• Consideraranse elixidos nos cargos de Dirección, Vicedirección, Secretaría, ou Vogalías aqueles que obtivesen o maior número de votos. No caso das Vogalías, serán elixidos os cinco primeiros candidatos con maior número de votos.
• En caso de empate no reconto, resolverase por renuncia voluntaria ou por unha nova votación entre os candidatos empatados.
Artº 19º: Cesamento nos cargos.
• Os membros da Xunta Directiva cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:
• Por morte ou declaración de falecemento.
• Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido no ordenamento xurídico.
• Por resolución xudicial.
• Por transcurso do período do seu mandato. Non obstante, ata que se proceda á Asemblea Xeral subseguinte para a elección de nova Xunta Directiva, aquela continuará en funcións, debéndose expresar dito carácter en cantos documentos tivesen que firmar en función aos respectivos cargos.
• Por renuncia.
• Por acordo adoptado coas formalidades estatutarias, en calquera momento, pola Asemblea Xeral.
• Pola perda da condición de membro da Sección.
• Os cesamentos e nomeamentos deberán ser comunicados ao Rexistro de Seccións, para a súa debida constancia e publicidade.
Artº 20º: Das atribucións da Xunta Directiva.
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
• Convocar e fixar, de acordo co director data de celebración da Asemblea Xeral.
• Confeccionar o plano de actividades, así coma redactar a memoria anual de actividades.
• Manter, interpretar e coidar do exacto cumprimento dos presentes Estatutos, normas e disposicións de desenvolvemento dos mesmos, así coma executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral de membros da sección.
• Elaborar os presupostos de cada exercicio.
• Crear as Comisións de traballo, ou seccións que se estimen necesarias para conseguir os fins da Sección, coordinando ao propio tempo o labor dos mesmos, os cales serán presididos por un vocal da Xunta Directiva.
• Adoptar os acordos que sexan necesarios para o cumprimento dos fins da Sección, procurando establecer os medios e procedementos precisos para o seu desenvolvemento.
• Elaborar a normativa de Réxime Interior.
• Acordar, dando coñecemento á Asemblea Xeral, a admisión de novos membros da sección.
• Propoñerlle á Asemblea Xeral a contía e dedución das contribucións dos membros da Sección.
• Fiscalizar o réxime económico da Sección.
• Levar a cabo tódolos actos que se consideren oportunos para o bo funcionamento da Sección e, en xeral, exercer cantas funcións non estean expresamente encomendadas á Asemblea Xeral ou outros membros dos órganos de representación.
Artº 21º: Da dirección
• Correspóndelle á Dirección:
• Ostentar a representación, dirección e xestión da Sección.
• Presidir e moderar as sesións da Xunta Directiva, así coma convocala e fixar a orde do día.
• Decidir co seu voto os empates a efectos de adoptar acordos.
• Velar polo cumprimento dos fins da Sección.
• Executar os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
• Ordenar os gastos e pagamentos da Sección.
• Subscribir co Secretario as Actas das sesións e toda clase de documentos que se emanen da Sección.
• Xestionar, de acordo coa Xunta Directiva, a petición de doazóns e subvencións e, en xeral, toda clase de axudas que se consideren necesarias para os fins da Sección, así coma aceptalas en nome da mesma.
• Administrar, de acordo coa Xunta Directiva, o Patrimonio, recursos económicos e bens da Sección.
• Representar legalmente á Sección fronte a terceiros.
• En xeral, suplir a falta de capacidade de obrar dos demais órganos rectores da Sección en tódolos casos que esixa a lexislación vixente.
Artº 22º: Da Vicedirección.
• Corresponderá ao Vicedirección realizar as funcións da dirección nos casos de estar vacante o cargo por ausencia ou enfermidade, podendo actuar tamén en representación da Sección naqueles supostos en que se decida pola Xunta Directiva ou a Asemblea Xeral, segundo os acordos.
Artº 23º: Da Secretaría.
• Corresponde á Secretaría da Sección:
• Actuar coma tal nas reunións, levantando Acta das mesmas.
• Asistir á dirección para fixar a orde do día e cursar as convocatorias.
• Expedir certificacións, para o cal deberá ter o Visto e Prace da dirección.
• Custodiar e levar os libros (excepto o de contabilidade), documentos e selos da Sección, así coma levar o rexistro e ficheiros.
• Redactar a memoria final anual, os planos de actividades e os documentos que sexan necesarios.
• Asignar e informar aos membros dos servizos que lles corresponda efectuar, así coma o Visto e Prace dos mesmos.
• Efectuar a convocatoria das sesións da Xunta Directiva e Asemblea, por orde da Dirección, así coma as citacións dos membros daquela e membros da sección desta.
• Dar conta inmediata á dirección da solicitude de convocatoria efectuada polos membros da sección na forma prevista no artigo 9º dos presentes Estatutos.
• Recibir os actos de comunicación dos membros da Xunta Directiva con relación a esta e dos membros da sección e, polo tanto, das notificacións, peticións de datos, rectificacións, certificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.
• Preparar o despacho dos asuntos e polo tanto da documentación correspondente que houbese de terse en conta.
• Calquera outras funcións inherentes á súa condición de Secretario.
• Nos casos de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, o Secretario será substituído polo vocal que elixa a Xunta Directiva.
Artº 24: Das vogalías:
Os Vogais teñen como misión axudar ao presidente na preparación e execución dos acordos. Estarán á fronte das Seccións ou Comisións de Traballo que poidan ser creadas.
Artº 25: Das obrigas e responsabilidades dos membros da Xunta Directiva.
• Son obrigas da Xunta Directiva, a título enunciativo, cumprir e facer cumprir os fins da Sección, concorrer ás reunións ás que sexan convocados, desempeñar o cargo coa debida dilixencia dun representante leal e cumprir nas súas actuacións co determinado nas disposicións legais vixentes ou nos presentes Estatutos.
• Os membros da Xunta Directiva responderán fronte á Sección dos danos e perdas que causen por actos contrarios á Lei ou aos Estatutos ou polos realizados con neglixencia. Quedará exento de responsabilidade quen se opuxese expresamente ao acordo determinante de tales actos ou non participase na súa adopción.
Sección 3º
Disposicións Comúns Aos Órganos
Artº 26º: Das Actas.
• De cada sesión que celebren a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, levantarase Acta pola Secretaría, que especificará necesariamente o quórum necesario para a válida constitución (no caso da Xunta Directiva especificarase necesariamente os asistentes), a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo no que se celebraron, os puntos principais das deliberacións, así coma o contido dos acordos adoptados.
• Na Acta figurará, a solicitude dos respectivos membros e/ou membros da sección, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable.
• As Actas aprobaranse na seguinte sesión, podendo, non obstante, emitir o Secretario certificación dos acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo, da ulterior aprobación da Acta.
• As Actas serán firmadas polo Secretario co Visto e Prace da dirección.
Artº 27º: Impugnación de acordos.
• Os acordos da Asemblea Xeral e Xunta Directiva poderán ser impugnados ante a orde xurisdicional civil na forma legalmente establecida.
• Os membros da sección poderán impugnar os acordos e actuacións da Sección que estimen contrarios aos Estatutos dentro do prazo de corenta días, a partir da data de adopción dos mesmos, instando a súa rectificación ou a anulación e a suspensión preventiva no seu caso, ou acumulando ambas pretensións polos trámites establecidos na Lei de Axuizamento Civil.
• En tanto se resolven as contendas de orde interna que poidan suscitarse na Sección, as solicitudes de constancia rexistral que se formulen sobre as cuestións controvertidas só darán lugar a anotacións provisionais.
Capítulo IV
Procedemento de Admisión e Perda da Calidade de Membro da Sección
Artº 28º: Adquisición da condición de Membro da Sección.
• Adquírese a condición de Membro da Sección mediante a solicitude do interesado, acompañada da documentación esixida.
• Poderán ser membros da Sección Profesional de Historiadores da Arte de Galicia:
• Licenciados e graduados en Historia da Arte.
• Licenciados en Xeografía e Historia, coa especialidade en Historia da Arte.
• Licenciados en Filosofía e Letras, coa especialidade de Historia da Arte.
• Os estudantes das titulacións de Historia da Arte e Xeografía e Historia.
• As persoas xurídicas, que compartan obxectivos comúns coa Sección e que a xunta directiva estime de interese para acadar as finalidades da Sección sempre que estean axeitadamente representadas polos administradores das mesmas e que estes sexan historiadores da arte.No caso de que non sexan representadas polos administradores da mesma, deberase estar ó recollido no art. 15.3 dos presentes estatutos.
• As persoas físicas e xurídicas deberán non estar suxeitas a ningún impedimento legal para o exercicio dos distintos dereitos recollidos no Capítulo V dos presentes estatutos.
Artº 29º: Perda da condición de Membro da Sección.
• A condición de Membro da Sección perderase por algunha das seguintes causas:
• Pola libre vontade do asociado. Neste suposto, será suficiente a presentación de renuncia escrita presentada ante a Secretaría da Sección. Os efectos serán automáticos, dende a data da súa presentación.
• Por impagamento das cotas establecidas polo Colexio.
• Malia o disposto no apartado anterior, o membro da Sección que perdese dita condición pola citada causa, poderá rehabilitala se, no prazo de seis meses dende a notificación, abonase as cotas debidas, así coma as transcorridas dende dito momento ata a solicitude de reingreso.
• Por incumprimento grave dos presentes Estatutos ou dos acordos validamente adoptados polos órganos de representación. Nese caso será requisito indispensable o acordo da Asemblea Xeral adoptado por 2/3 do número de votos validamente emitidos, motivándose suficientemente e sen prexuízo do estipulado polos presentes Estatutos respecto á expulsión de membros da sección.
Capítulo V
Dereitos e Deberes dos Membros da sección
Artº 30º: Dereitos dos Membros da sección.
• Participar nas actividades da Sección e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así coma asistir á Asemblea Xeral de acordo cos Estatutos.
• Ser informados sobre a composición dos órganos de goberno e representación da Sección, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
• Ser oídos con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra eles e ser informados dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser motivado o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
• Acceder á documentación da Sección, a través da Xunta Directiva.
• Usar os bens e instalacións de uso común da Sección, con respecto a igual dereito do resto dos Membros da sección, a través da Xunta Directiva.
• Coñecer e solicitar información sobre as actividades da Sección, nos termos establecidos nestes Estatutos.
• Propoñer por escrito, aos Órganos Competentes, as suxestións que estimen oportunas con respecto ás actividades da Sección.
• Participar en todas aquelas actividades que organice ou coorganice a Sección segundo o estipulado nos presentes Estatutos e, no seu caso, a normativa de Réxime interior.
Artº 31º: Obrigas dos Membros da sección.
• Son deberes dos Membros da sección:
• Compartir as finalidades da Sección e colaborar para a consecución das mesmas.
• Pagar as cotas, derramas e outras achegas que resulten das disposicións estatutarias.
• Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias.
• Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
• Sen prexuízo da perda da condición de membro da Sección por impagamento das cotas sociais, mentres se procede á súa expulsión, o membro da Sección terá en suspenso o dereito de sufraxio activo e pasivo. Dita suspensión do dereito producirase co impagamento dunha soa cota, mentres se proceda á súa regulación ou á perda definitiva da condición de membro da Sección.
Capítulo VI
Réxime Económico
Artº 32º: Patrimonio fundacional.
Na súa fundación, a Sección carece de todo tipo de patrimonio.
Artº 33: Titularidade de bens e dereitos.
A Sección carece de personalidade xurídica para figurar como titular de bens polo que todos os bens dos que sexa usufructuaria serán titularidade do Colexio.
Artº 34º: Financiamento.
• A Sección, para o desenvolvemento das súas actividades financiarase:
• Coas cantidades que o Colexio destine para a mesma nos seus orzamentos anuais.
• Cos donativos ou subvencións que puideran ser concedidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas para o desenvolvemento concreto das actividades propias da sección.
• Cos ingresos provenientes das súas actividades económicas (excluíndo os gastos).
• Os beneficios obtidos pola Sección, derivados do exercicio de actividades económicas, incluídas as prestacións de servizos, deberán destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins, sen que caiba en ningún caso o seu reparto entre os membros da sección nin entre os seus cónxuxes ou persoas que convivan con aqueles en análoga relación de afectividade, nin entre os seus parentes, nin a súa cesión gratuíta a persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
• A contabilidade dependerá directamente da tesourería do Colexio.
Capítulo VII
Disolución da Sección e Aplicación do Capital Social
Artº 35º: Disolución da Sección.
• A Sección poderá disolverse polas seguintes causas:
• Por acordo adoptado por maioría cualificada en Asemblea Xeral Extraordinaria.
• Polas causas que determinen as leis vixentes.
• Por sentencia xudicial firme.
Obxectivos da sección:
Entre os obxectivos específicos que dentro do CDLG persegue a sección de historia da arte destacan so seguintes:
- Representar e defender as necesidades e criterios profesionais dos seus membros e a xestión e defensa dos seus intereses lexítimos.
- Fomentar o permanente perfeccionamento dos seus membros, de acordo coa evolución das técnicas e as necesidades da Historia da Arte. Establecer criterios para a formación dos futuros profesionais.
- Destacar ante a sociedade a riqueza do Patrimonio Artístico e Cultural e a necesidade duns profesionais especificamente formados que garantan a súa adecuada conservación, documentación, investigación e difusión
- Defender a Historia da Arte como disciplina autónoma con competencias profesionais diferenciadas e con medios, métodos e ferramentas propias. Non obstante, promoverase a colaboración interdisciplinaria con outras áreas do coñecemento.
- Promover e defender como perfís profesionais da disciplina da Historia da Arte os seguintes:
- Protección e xestión do patrimonio Histórico-Artístico e Cultural no ámbito institucional e empresarial: catalogación de conxuntos monumentais, planeamento urbanístico, asesoría técnica e ditames histórico-artísticos, xestión de programas, recursos humanos.
- Conservación, exposición e mercado de obras de arte: museos, centros de arte e cultura, arquivos e centros de imaxe (fototecas, filmotecas,…), poxas e expertizaxe, anticuarios e peritaxe, comisariado artístico.
- Difusión do Patrimonio Artístico: interpretación, turismo cultural, programas didácticos.
- Investigación e docencia: universidade, institutos científicos, escolas de artes e oficios, escolas de turismo, escolas de deseño, ensinanzas medias.
- Produción documental e divulgación dos contidos da Historia da Arte: traballo especializado en editoriais, medios de comunicación, novas tecnoloxías audiovisuais e de soporte electrónico.
- Fomentar e promover o coñecemento, protección, difusión e posta en valor do Patrimonio Artístico e Cultural, potenciando o seu valor como medio de divulgación cultural, educativa e científica.
- Contribuír á formación e perfeccionamento de estudantes, investigadores e educadores do ámbito da Historia da Arte e de todo o relativo a ela. Incluída a formación permanente de profesorado.
- Promover e fomentar actividades de formación e de divulgación da Historia da Arte, no ensino regulado e non regulado, e con especial atención ao ámbito universitario.
- Servir de órgano de comunicación e intercambio de ideas, documentación e divulgación das mesmas entre persoas físicas e xurídicas que investiguen, escriban ou estuden a Historia da Arte de xeito profesional.
- Promover e divulgar os coñecementos culturais e científicos dos membros da mesma no ámbito local, autonómico, nacional ou internacional.
- Colaborar con Entidades públicas ou privadas que desenvolvan actividades de estudo, divulgación ou investigación en materias relacionadas coa Historia da Arte.
- Contribuír á sensibilización dos poderes públicos e da sociedade en xeral, en canto ás necesidades culturais dos cidadáns.