Tlf: 981 57 46 57 - Mail info@cdlg.es

COMUNICADO DO CDLG SOBRE A FUTURA LEI DE PATRIMONIO DE GALICIA

Ante a noticia da futura tramitación da nova Lei de patrimonio cultural de Galicia e da apertura dunha rolda de contactos entre o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e diferentes entidades realacionadas co traballo arredor da protección do patrimonio cultural, o Colexio Oficial de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e en Ciencias de Galicia púxose en contacto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a fin de concertar unha cita para intercambiar impresións sobre os contidos da futura Lei, dado que este colexio abrangue ó maior número de profesionais adicados á conservación do patrimonio de distintas disciplinas (historiadores da arte, arqueólogos, ciencias relacionadas coa conservación do patrimonio…), sendo de especial relevancia a súa Sección de Historia da Arte (SEHAG).

O CDLG quere manifestar publicamente o seu malestar ante a decisión do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de non levar a cabo unha reunión coa decana deste Colexio Oficial, María del Carmen García Cabezudo. Entendemos que o Conselleiro ten unha axenda apretada pero queremos facer constar que esta reunión non só non estaba prevista pola Consellería, como si o estivo con outros colexios oficiais coma o de arquitectos, senón que nin sequera ante a iniciativa propia deste Colexio Oficial de colaborar no que a Consellería designou coma un proceso “participativo e aberto” se tivo en conta a esta entidade coma órgano consultivo. Lamentamos, por este tipo de accións, que parezan existir Colexios Oficiais de primeira categoría e Colexios Oficiais de segunda categoría pero é moito máis lamentable a ausencia dunha verdadeira reflexión multidisciplinar sobre a salvagarda do patrimonio cultural, coma propoñen toda as normas de carácter supranacional ao respecto.

O colectivo dos historiadores da arte son os profesionais capacitados para levar a cabo as tarefas de documentación do patrimonio cultural, entre outras funcións relacionadas directamente coa salvagarda, difusión e posta en valor do patrimonio cultural. Sen embargo este tipo de especialistas capacitados, ao carecer dun corpo específico de funcionariado nas administracións competentes onde outros profesionais coma os arquitectos ou os arqueólogos si contan coa súa categoría específica, están a ser constantemente excluidos dunhas reflexións que atañen á súa actividade profesional.