Tlf: 981 57 46 57 - Mail info@cdlg.es

A SEHAG lamenta o pasamento da profesora Pilar Rodríguez Álvarez, Vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia da USC

Ante a triste noticia do falecemento da profesora do Departamento de Historia I da USC, Pilar Rodríguez Álvarez, vicedecana da Facultade de Xeografía e Historia, a Sección de Historia da da Arte do CDLG quere adherirse ás mostras de afecto aos seus achegados, lamentando profundamente a súa perda.   Entre os seus méritos queremos destacar a súa investigación no eido da historia antiga e das relixións, especialmente vencellada á Gallaecia, e a súa labor na xestión universitaria como secretaria do Departamento de Historia I e da propia Facultade de Xeografía e Historia ata agora. De feito, coma vicedecana da Facultade, inaugurou o acto de creación da Sección de Historia da Arte o 18 de marzo de 2014, no que nos dedicou as seguintes palabras que compartimos con vós e que nos animan a seguir coa nosa labor:  

“O mundo está en constante cambio […] Para o mundo das Ciencias parece algo natural o evolucionar a carón destes cambios, sobre todo porque moitas veces son elas o motor, pero para as Humanidades parece máis difícil, xa que sempre foron vistas como estudos ancorados no pasado. Non nos podemos permitir seguir alimentando esta idea. Non podemos quedarnos á marxe. Temos que acompañar e protagonizar estes cambios, a nosa propia disciplina nolo esixe. Se a historia da arte estuda as manifestacións artísticas produto das sociedades ao longo da historia, é necesario seguir á historia e estar dentro dela.”

 

Gracias Pilar, por estas sabias verbas que guiaron o noso comezo e que estarán presentes en toda a nosa andadura.